Foron 2 os seareiros do Paris Saint Germain agredidos con arma branca perto do Camp Nou

O amigo dun dos agredidos afirma que o ataque foi só "violencia gratuíta". "Non nos roubaron nada". Todo apunta a que os autores da agresión son ex boixos nois.

Comeza a se despexar a confusión arredor dos sucesos acontecidos esta cuarta feira á noite, após o xogo de Champions entre o Barça e o PSG (3-1). Finalmente, foron dúas as persoas -de nacionalidade francesa, seareiros do Paris Saint Germain- as que resultaron agredidas. Foron incidentes isolados entre si e en aparencia protagonizados por distintos grupos de violentos.

De acordo con o declarado por unha testemuña -o amigo dun dos agredidos-, todo aconteceu moi rápido. "Foron 20 segundos e liscaron, non nos roubaron nada, simples violencia gratuíta", dixo á radio pública catalá. O ferido continúa ingresado por lesións na pleura, mais está fóra de perigo.

Poucos minutos despois deste ataque produciuse unha agresión similar, a escasa distancia da primeira. Tres mozos do PSG foron asaltados. Un deles, ferido con arma branca. Xa foi dado de alta.

Os Mossos temen que estes episodios sexan o síntoma da reorganización dos "casuals", a facción máis violenta dos boixos nois, a claque blaugrana que foi expulsa do Camp Nou durante o mandato de Laporta ao fronte da presidencia do Barça.

Comentarios