Tres chuts derrotan o Dépor en Eibar

Podes controlar o partido de pé a pá, superar o teu rival en case todas as facetas do xogo e acabar perdendo. Isto vai a goles. Así é o fútebol. Así perdeu o Deportivo en Eibar (3-1), primeira derrota após catro xornadas consecutivas sen perder. Foron tres chuts a porta. Tres. Tres goles.

Screen Shot 2017-01-29 at 11.20.25
photo_camera Çolak, autor do único gol deportivista

Como dirían os clásicos, sempre hai que botar man deles, o Dépor puxo o xogo e o Eibar, os goles. A equipa vasca tivo unha eficacia extraordinaria na sorte definitiva deste xogo, o gol. A este Dépor de Garitano -curiosamente, dado o currículo do treinador euskaldún- vaille mellor no ataque do que na defensa. Está concedendo, a verdade, que demasiados goles. En Eibar foron tres, certamente máis pola desacostumada puntería dos locais do que por falencias propias.

En realidade, o primeiro cuarto de hora de xogo ditou sentenza. Dúas chegadas do Eibar, dous goles. Moita posesión inútil para os galegos.

Reaxiu o Dépor e un gol do sempre astuto Çolak, desta volta unha cabezada a sutil centro do reaparecido Carles Gil, voltou a dar folgos á escadra deportivista no taboleiro de marcas.

Mais o Eibar selou a derrota galega após o intervalo, no minuto 72. O Dépor tivo as súas oportunidades para se voltar a engachar ao xogo, mais aí bateu con Yoel, o gardamallas vigués enrolado en terras vascas que está a completar unha magnífica campaña como titular.

En definitiva, freada para o Deportivo en Eibar. A equipa galega mantén aínda un tranquilizador colchón a respeito dos fechacancelas da categoría, mais era ben que primeiro non se relaxase e segundo estudase ben por que a estas alturas do campionato continúa sen sumar unha soa vitoria fóra de Riazor.

SD Eibar: Yoel, Capa, Gálvez, Lejeune, Luna (Rubén Peña, min. 65), Dani García, Rivera, Pedro León, Adrián, Inui (Arbilla, min. 71) e Sergi Enrich (Bebé, min. 90).

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges (Marlos Moreno, min. 83), Carles Gil (Joselu, min. 73), Emre Çolak, Bruno Gama (Kakuta, min. 62) e Andone.

Goles: 1-0 Adrián (min. 4); 2-0 Sergi Enrich (min. 15); 2-1 Emre Çolak (min. 19); 3-1 Lejeune (min. 72).

Árbitro: Martínez Munuera (c. valenciano). Cartón amarelo a Borges (min. 29) e Carles Gil (min. 51).

Incidencias: 5.617 espectadores en Ipurúa.

Comentarios