A Fiscalía pide oito anos para Santi Mina por agresión sexual

As acusacións contra o dianteiro datan de 2017
O xogador do Celta atópase a día de hoxe de vacacións en Dubai. (Foto: EP).
photo_camera O xogador do Celta atópase a día de hoxe de vacacións en Dubai. (Foto: EP).

A Audiencia Provincial de Almería acollerá a vista oral contra o futbolista galego Santi Mina, xogador do Real Club Celta de Vigo, quen se enfronta a unha petición fiscal de oito anos de cárcere acusado de agredir sexualmente a unha muller no mes de xuño do ano 2017, mentres estaba de vacacións no municipio de Mojácar (Andalucía).

O procedemento, que recaeu na Sección Terceira, está á espera de que se dite auto de apertura de xuízo oral, xa que a defensa aínda non presentou as súas conclusións provisionais, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA). 

A Fiscalía de Almería si formulou acusación contra Santi Mina por un presunto delito de agresión sexual e pide para el, á marxe da pena de prisión, que se lle impoña medida de liberdade vixiada durante dez anos e que se lle prohiba achegarse a menos de 500 metros á vítima ou comunicarse con ela polo mesmo período de tempo.

O escrito de cualificación provisional do Ministerio Público recolle que o dianteiro celeste accedeu na madrugada do 16 de xuño de 2017 a unha caravana estacionada nas proximidades dunha discoteca, onde estaba cun amigo e a súa parella.

Segundo informaron fontes xudiciais, a Fiscalía sostén que entraría "completamente espido" e que, "con ánimo libidinoso para satisfacer o seu apetito sexual e a pesar da manifesta vontade contraria da vítima", dirixiuse a ela dicíndolle "mira, moza, ti gústasme moito e creo que deberiamos facer algo".

Cando a muller lle contestou que ía á caravana coa outra persoa, o escrito recolle que o procesado sairía "un minuto" para volver entrar e, após dicirlle á muller que "lle gustara moito", presuntamente perpetrou a agresión sexual.

Ademais de lesións físicas "a consecuencia do ataque" que o Ministerio Público imputa a Santi Mina, a vítima sofre sintomatoloxía ansiosa "grave" relacionada cos feitos, por iso solicita que se lle indemnice cunha cantidade económica de 50.000 euros, segundo precisaron as mesmas fontes, que apostilan que as secuelas que padece supuxeron que se vexa "moi afectada a súa vida cotiá" por un "trastorno de tensión postraumática crónico directamente relacionado" coa suposta agresión sexual que se vai axuizar.

Comentarios