EUROCOPA

Final anticipada entre Italia e a 'Roja'

Gran xornada de fútbol esta quinta feira en Alemaña, onde España e Dinamarca terán a oportunidade de obter o desquite dos seus verdugos nas semifinais da última Eurocopa, Italia e Inglaterra, respectivamente. Ademais, Eslovenia e Serbia completan a programación cun derbi balcánico con moita carga política.
A afección transalpina tomou as rúas de Londres após eliminar España para acceder á final da Euro 2021. (Foto: Nick Potts / PA Wire ).
photo_camera A afección transalpina tomou as rúas de Londres após eliminar España para acceder á final da Euro 2021. (Foto: Nick Potts / PA Wire ).

Os partidos entre as seleccións do Estado español e o italiano son un dos grandes clásicos do fútbol continental, protagonizando unha rivalidade que se remonta até o ano 1920 e que os levou a colidir en 40 ocasións, empatando en 16 delas, vencendo a Roja en 13 ocasións e a Gli Azzurri en 11.

Precisamente Italia foi a vencedora no seu último gran enfrontamento, as semifinais da Eurocopa de 2021, onde a lotería dos penaltis determinou que avanzase a que posteriormente sería a campioa do torneo.

Esta quinta, tres anos despois, volven colidir no segundo encontro da primeira fase (AufSchalke Arena, 21 horas) coa incerteza que caracteriza estes duelos, pois pese a que os pupilos de Luis De la Fuente arrasaron Croacia e os de Luciano Spalleti sufriron para superar a modesta Albania, se algo caracteriza historicamente o combinado transalpino é unha competitividade a proba de dúbidas e malas xeiras de resultados.

Ademais, o azar deparou que tres horas antes, ás 18 no Frankfurt Arena, Dinamarca e Inglaterra reediten a outra semifinal da Euro 2021, da que saíron vencedores os Pross grazas a un gol de Kane no tempo engadido.

Máximos favoritos a rematar nos dous primeiros postos do Grupo 'C', os Bellingham e compañía están obrigados a dar un golpe enriba da mesa contra un sólido pero envellecido bloque danés que continúa comandado por veteranos como Erikssen (32), Kjær (35) ou Schmeichel (37). 

E, quizais algo opacado ante a magnitude dos dous compromisos debullados anteriormente, o Eslovenia-Serbia (Fußball Arena de Múnic, 15 horas) debe mirarse no espello do extraordinario Turquía-Xeorxia para demostrar que os choques con menos atractivo sobre o papel poden destacar tamén polo que acontece sobre o céspede, e non só polos máis que previsíbeis incidentes entre afeccións fóra e incluso dentro do terreo de xogo.

Comentarios