A fin de semana futbolística trae de todo: derbis, boas xeiras e últimas oportunidades

O Celta ten que gañar ao Levante para evitar caer no pozo do descenso; un renacido Clube Deportivo Lugo aspira a conseguir a terceira vitoria consecutiva desde a chegada de Mehdi Nafti e a categoría de bronce ofrece dous derbis (Compos-Dépor e Celta B-Rácing), o Coruxo-Salamanca e un Unionistas-Pontevedra.
Da boa actuación de Iago Aspas podería depender a continuidade de Óscar García logo de apañar tres derrotas consecutivas. (Foto: RC Celta).
photo_camera Da boa actuación de Iago Aspas podería depender a continuidade de Óscar García logo de apañar tres derrotas consecutivas. (Foto: RC Celta).

Desde os tempos en que o que asina estas liñas non era máis que un cativo e até o día de hoxe leva escoitando con relativa frecuencia unha frase que destila altivez e clasismo a partes iguais: "O fútbol é o opio do pobo". Nada máis lonxe da realidade. 

De feito, nestes tempos escuros e deprimentes que nos están tocando vivir o fútbol ofrece unha válvula de escape psicolóxica, un raio de luz no medio da gris existencia condicionada pola pandemia que padecen importantes segmentos da poboación, que agardan con ansia a chegada da fin de semana para seguir pola pequena pantalla as evolucións do equipos dos seus amores.

En Vigo, non obstante, a esa sensación engádese unha lóxica ansiedade ante a posibilidade de que o Celta encaixe na segunda feira día 21 ante o Levante, fechacancelas da categoría, a cuarta derrota consecutiva, que podería ir acompañada do despedimento de Óscar García Junyent.

O técnico catalán terá que seguir desde o palco as evolucións dos seus xogadores a causa do cartón vermello que recibiu no encontro ante o Atlético de Madrid, sendo o seu irmán e axudante Roger García quen se faga cargo de dirixir os celestes sobre o céspede do Madrigal, estadio que acollerá o encontro a causa das obras que se están a desenvolver no Ciutat de València.

O Clube Deportivo Lugo, a por todas ante o Logroñés

Unha situación tan ou máis preocupante que a do Celta vivíase en Lugo hai apenas unha semana, pero as dúas vitorias logo da contratación de Mehdi Nafti ante Castellón (0-1) e o potente Girona (3-0) na xornada intersemanal fixeron que a afección mire ao futuro con optimismo.

E todo no marco dunha semana convulsa na que o Clube Deportivo Lugo fixo pública a existencia dun gromo con case unha ducia de casos positivos en Covid-19 entre xogadores e cadro técnico do Polvorín, o seu conxunto filial, o que levou á suspensión do encontro da liga de Terceira División que os enfrontaría co Rácing Vilalbés esta fin de semana e á paralización de toda a actividade deportiva dos equipos de base albivermellos.

Xa fóra dos postos de descenso, a extrema igualdade que caracteriza a Segunda División leva a que, en apenas un suspiro, o Lugo pasase de coquetear coa pantasma do descenso a mirar con ollos de larpeiro os postos que dan acceso a disputar o play-off de ascenso á Primeira División.

Para iso terá que superar hoxe ás 18.15 horas á Unión Deportiva Logroñés, entidade fundada en 2009 e herdeira espiritual do histórico Club Deportivo Logroñés de Lopetegui, Salenko, Lotina ou o ‘Tato’ Abadía, quen tamén deixou un gratísimo recordo nos tres anos que defendeu as cores da Sociedade Deportiva Compostela.

Dépor-Compos: calquera tempo pasado foi mellor

Aquel Compos do 'Tato' Abadía, Ohen, Nacho e compañía ascendeu a Primeira División da man de Fernando Castro Santos e, dous anos despois, xa cun novísimo Fernando Vázquez á fronte, logrou o subcampionato de inverno en 1995, aínda que acabaría por afundirse no tramo final de tempada –como, por outra banda, adoita ser habitual nos equipos adestrados polo de Castrofeito-, rematando na décima posición, unha por enriba do Dépor, na que foi a derradeira campaña de Bebeto como branquiazul.

25 anos despois, facendo bo aquel dito de "calquera tempo pasado foi mellor", ambos conxuntos –aínda que, sendo estritos, a actual SD Compostela, como no caso do Logroñés, non é a mesma entidade, pois desapareceu en 2006 a causa das débedas- enfróntanse no partido máis interesante da segunda xornada da Segunda División B. 

O calendario programou o Compos-Dépor o domingo ás 17 horas, mesmo día e hora que o outro derbi galego, que neste caso enfrontará a Celta B e Rácing de Ferrol, dúas escuadras que agardan conseguir a súa primeira vitoria da tempada. Os Diaños Verdes foron noticia durante esta semana, ademais, pola sorprendente chegada do ex presidente do Deportivo, Tino Fernández, ao seu consello de administración.

Pola súa banda, o Pontevedra agarda referendar as boas sensacións da vitoria conseguida na primeira data da competición, precisamente ante o Rácing na Málata, cun novo triunfo, esta vez ante un Unionistas de Salamanca que tamén se levou os tres puntos no seu primeiro compromiso da tempada ante o Compos (2-0). 

Finalmente, o Coruxo sairá a por todas na visita a un sólido Salamanca que a piques estivo de rañar un empate en Riazor o pasado domingo.

Comentarios