FúTBOL GAéLICO

Fillas de Breogán fanse co Campionato Ibérico

O equipo coruñés de fútbol gaélico Fillas de Breogán conquistou o Campionato Ibérico, a máxima competición na que participan os equipos da European Country Board, tras vencer na final a Madrid Harpetes 24 (5-9) a 13 (2-7). Os Irmandinhos da Estrada remataron segundos após perderen a final cos Madrid Harps.

Fillas de Breogán
photo_camera Fillas de Breogán

Galiza rematou con catro equipos -dous femininos e dous masculinos- no podio do Campionato Ibérico de fútbol gaélico, a máxima competición na que participan os equipos integrados na ECB. Fillas de Breogán alzouse co primeiro posto após venceren na final a Madrid Haspetes por 24 (5-9) a 13 (2-7).

Fillas demostraron o grande equipo co que contan e convertéronse, así, no primeiro equipo galego en gañar un Campionato Ibérico. Após a fase de grupo, as coruñesas tiveron que enfrontarse ás Irmandinhas da Estrada e tras as superar xogaron contra as madrileñas, ás que superaron. Irmandinhas entraron de terceiras no podio e o equipo feminino de Estrela Vermelha quedou quinto logo de gañar ás Ártabras de Oleiros, que remataron sextas.

O campionato masculino finalizou coa derrota dos Irmandinhos da Estrada nunha final dura para o equipo galego que, non obstante, acadou a segunda praza. Os galegos perderon ante un Madrid Harps que fixo “xogo sucio”, segundo denunciaron os Irmandinhos. Aliás, o Estrela Vermelha conseguiu a terceira praza logo de vencer a Valencia e Fillos fíxose co quinto posto ao se impoñer fronte ao Sevilla.

Os trofeos foron entregados polo embaixador de Irlanda no Estado español, David Cooney.

Comentarios