A fichaxe de Seedorf co Dépor, xa oficial, é polo que resta de temporada

Un compromiso breve. Só até o final da temporada. Ese será o vínculo en principio do treinador holandés co Dépor. Un único obxectivo: a salvación.

seedorf
photo_camera Imaxe gráfica coa que o Dépor dá a benvida ao seu novo técnico

Demorou o Deportivo en confirmar oficialmente a noticia da fichaxe do ex futebolista do Ajax, Real Madrid, Inter, Milan, Sampdoria e Botafogo polo clube galego. A decisión estaba tomada. Só faltaba concretizar a duración do vínculo. Unha vez esclarecido que o compromiso será até final de temporada, o Dépor fixo pública a contratación por meio do seu sitio web.

No comunicado pendurado na súa web, o Dépor resume ben quen é Seedorf no plano futbolístico: un xogador brillante que atesourou até 5 Champions -con Samuel Etoo o único profisional que gañou o título continental con tres escadras diferentes- mais un entrenador con moi escasa bagaxe ás costas, apenas 36 partidos, 22 co Milan en 2014 e 14 na súa recente experiencia chinesa.

É, por tanto, toda unha incógnita o rendimento que pode oferecer nunha situación límite como na que se acha o Dépor. Unha aposta ben arriscada do clube, da que se responsabiliza a efeitos prácticos -e en ausencia do director deportivo, após a marcha de Richard Barral- o presidente da entidade branquiazul, Tino Fernández. A última bala na recámara.

Seedorf é -após Fernando Vázquez, Victor Fernández, Víctor Sánchez del Amo, Gaitzka Garitano, Pepe Mel e Cristóbal Parralo- o sétimo treinador do Dépor desde que Tino Fernández se fixo coa presidencia do clube após derrotar Lendoiro nunha xunta xeral de accionista realizada en xaneiro de 2014.

Comentarios