Fernando Vázquez non vai tomar partido por ningún dos aspirantes a presidir o Deportivo

En poucos meses tornouse nun valor en alza no deportivismo. Ter o seu apoio na contenda eleitoral podería até desequilibrala. Mais Fernando Vázquez xa o deixou claro: non tomará partido por ningún dos candidatos á presidencia do Deportivo.

Fernando Vázquez
photo_camera Fernando Vázquez

Ao ser interpelado pola imprensa a respeito de se pensaba respaldar a Lendoiro, o preparador deportivista dixo esta cuarta feira: "A miña obriga é manterme á marxe e que decidan os donos do clube, os accionistas. Tanto eu como os meus xogadores temos de estar unidos e centrados só no futbolístico".

A día de hoxe, hai tres candidatos a presidir o Deportivo: o actual titular da praza, o seu ex man dereita e ex asesor xurídico do clube Germán Rodríguez Conchado e Paco Zas, director xeral da construtora Coincasa e efémero futbolista canteirán.

Fernando non perdeu a oportunidade de voltar a reclamar reforzos para o plantel.

"Se puidésemos contar con dous ou tres futbolistas máis, habia ser moito máis doado escalar posicións e estar arriba. Case non temos xogadores de banda, no caso de que fallen Rudy e Arizmendi, e é evidente que andamos moi escasos", dixo.

Sinalou que continúa a ter "esperanzas de que fichemos xa". Fai votos por que o clube "convenza a quen ten que convencer [os administradores concursais] para que cheguen xa".

Comentarios