Ao ser interpelado pola imprensa a respeito de se pensaba respaldar a Lendoiro, o preparador deportivista dixo esta cuarta feira: "A miña obriga é manterme á marxe e que decidan os donos do clube, os accionistas. Tanto eu como os meus xogadores temos de estar unidos e centrados só no futbolístico".
A día de hoxe, hai tres candidatos a presidir o Deportivo: o actual titular da praza, o seu ex man dereita e ex asesor xurídico do clube Germán Rodríguez Conchado e Paco Zas, director xeral da construtora Coincasa e efémero futbolista canteirán.
Fernando non perdeu a oportunidade de voltar a reclamar reforzos para o plantel.
"Se puidésemos contar con dous ou tres futbolistas máis, habia ser moito máis doado escalar posicións e estar arriba. Case non temos xogadores de banda, no caso de que fallen Rudy e Arizmendi, e é evidente que andamos moi escasos", dixo.
Sinalou que continúa a ter "esperanzas de que fichemos xa". Fai votos por que o clube "convenza a quen ten que convencer [os administradores concursais] para que cheguen xa".