A VOLTA AO PRIMEIRO PLANO DO EX SELECCIONADOR NACIONAL

Fernando Vázquez ficha por un Mallorca que aspira ao retorno á elite

O treinador de Castrofeito asina até xuño de 2017.

Fernando Vázquez, apresentación no Mallorca
photo_camera Apresentación de Vázquez no Mallorca. Foto: RCD Mallorca

O ex treinador de Celta e Deportivo incorpórase ao Mallorca após o desembarco de capital estadounidese no clube bermellón, adquirido polo propietario da equipa da NBA Phoenix Suns, Robert Sarver, que desembolsou un total de 20,6 millóns de euros na ampliación de capital realizada pola entidade.

O propósito do novo propietario é devolver canto antes o Mallorca á máxima categoría. Un traballo para o cal Fernando Vázquez está perfeitamente cualificado, de feito foi iso, ascender unha equipa, o último que fixo na súa carreira profesional. Estrañamente, após conseguir o obxectivo, no banco do Deportivo da Coruña, foi destituído polo actual presidente, Tino Fernández, despois de realizar unhas declaracións en público -se ben nun contexto informal- en relación coa política de fichaxes da entidade. 

O Mallorca está neste momento en postos de descenso na Segunda División estatal, con 20 pontos após 21 partidos

O treinador de Castrofeito, de 61 anos, non é un descoñecido en Mallorca. Xa treinou nas Illas e con suceso, non só polas súas vitorias na Copa da UEFA (entre outras, o primeiro trunfo dunha equipa da liga española na cancha do Ajax de Amsterdam), senón pola descuberta de futbolistas tan notábeis como Diego Tristán ou Samuel Etoo.

O Mallorca está neste momento en postos de descenso na Segunda División estatal, con 20 pontos após 21 partidos. Totaliza 4 victorias, 8 empates e 9 derrotas.

Isto significa que, embora o ascenso sexa o obxectivo a meio prazo, está claro que a curto o traballo de Fernando Vázquez será o de estabilizar a equipa na Segunda División.

Comentarios