Fernando Vázquez di non ter "ningunha dúbida" sobre a viabilidade do Deportivo

O adestrador asegura que non contempla outro escenario que non sexa a continuidade do club e defende que a súa “gran afección” tamén é un valor económico na presentación do libro 'Depor Vida'.

Fernando Vázquez
photo_camera Fernando Vázquez

A presentación dun libro en galego sobre o fenómeno social que volveu xerar o deportivismo neste último ano convocou ao adestrador do equipo, Fernando Vázquez, en plena vaga de informacións alarmantes sobre o futuro do club logo do ultimato dado pola administración concursal de quince días para resolver a súa situación económica e evitar a desaparición. Porén, o técnico de Castrofeito asegura que “non se contempla outro escenario que non sexa a viabilidade” e di seguir traballando na confección dun plantel que ofreza garantías para competir en Segunda división.

“Non teño dúbidas, hai cousas que non me competen, pero teño fe en que o Dépor terá longa vida”, indicou Vázquez, que puxo como exemplo de confianza a renovación do porteiro e internacional arxentino Germán Lux. Así mesmo, o adestrador confirmou que Aranzubía e Ze Castro buscan unha saída e que o próximo venres, cando o equipo volverá ao traballo, contará con algúns xogadores da canteira, aos que se lles unirán “seis ou sete” fabrilistas xa na concentración de Monforte. 

Vázquez participou na presentación do libro 'Depor Vida' d@s xornalistas Rosabel Candal e Xerardo Porto, que tivo lugar na biblioteca veciñal de Monte Alto. Alí, recoñeceu ter sentido “algo irreal e incríbel” co trato recibido pol@s seareiros branquiazuis á súa chegada e apuntou que “unha afección tan grande como a do Dépor tamén crea recursos económicos”. Así mesmo, defendeu a aposta pola canteira “porque os xogadores galegos non teñen porque ser peores que os vascos” e, asumindo as dificultades, amosouse optimista cara o futuro “porque descendimos en paz, sen enfrontamentos, e iso é moi importante”. 

Sobre o libro, a coautora Rosabel Candal dixo que foi escrito “sen medo, como sen medo comportáronse @s seareiros do Dépor durante toda a tempada”. Pola súa parte, Xerardo Porto comparou a Fernando Vázquez con Arsenio Iglesias e lamentou que “tardara tanto en chegar aquí” mentres que o editor Henrique Sanfiz cualificou á afección branquiazul como “un fenómeno peculiar a nivel galego, estatal e europeo”. 

Comentarios