Fernando Vázquez asina até final da temporada

O treinador de Castrofeito (1954) asinou contrato polo Deportivo até final da temporada. O vínculo renovaríase automaticamente se o Deportivo conseguir a permanencia.

"Vén cunha moral de ferro", dixo Lendoiro de Fernando Vázquez na conferencia de imprensa de presentación do novo treinador deportivista.

O seleccionador galego de fútebol (cargo que non exerce desde que a Xunta retirase o seu apoio á selección nacional) afirmou "sentirse un pouco emocionado". "Chego nun momento difícil, complicado, e veño para axudar o Deportivo a saír desta situación. Estou convencido de que non é imposíbel [a permanencia]", salientou.

En ton até irónico, relativizou a envergadura da tarefa que ten por diante: non é tan díficil, só hai que gañar...e enumerou: "O Sevilla, o Rayo, o Real Madrid, o Barcelona...Non é imposíbel".

Xa máis a serio, resumiu o seu obxectivo cunha frase: "Hai que gañar 8 partidos". Con eles o Deportivo sumaría 24 pontos. Fernando coida que nesta campaña non serían precisos os míticos 42 para conservar a categoría. O Deportivo só gañou 3 partidos no que vai de campionato (23 choques disputados).

Facer do Deportivo "unha equipa compacta e difícil de golear" é o primeiro propósito que se marca Fernando para as 15 finais que disputará o Deportivo no que fica de segunda volta. "Calquera ve os resultados. Levamos 48 goles en contra. Iso é inasumíbel. Por que ocorre iso? É difícil de saber desde fóra. En todo caso, quero facer unha equipa difícil de bater", engadiu.

O apelo a unha maior seguranza defensiva, esclareceu, non significa que o ex treinador do Celta, ao que levou á UEFA, mas co que tamén descendeu, tencione agora "pór o autobús" en Riazor. Explicou que moitas veces a mellor defensa é ter o control da bola e mesmo xogar perto da área rival.

Comentarios