PENSAR A GALIZA POS-COVID

Fernando González Laxe: “O capital público debería entrar no accionariado de Alcoa”

O ex presidente da Xunta da Galiza Fernando González Laxe é doutor en Ciencias Económicas e catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. Autor de numerosos títulos sobre economía e a problemática pesqueira, marítima e portuaria, como Estructura Económica de Galicia, Desafíos económicos de Galicia ou Homo Oeconomicus Maturus. Falamos con el para avaliar os efectos da pandemia sobre a economía galega e os posíbeis camiños que podemos seguir para superala.

 

González Laxe
photo_camera González Laxe

Que eivas deixou ao descuberto a crise provocada pola pandemia e que oportunidades ofrece para o tecido económico galego?

A crise provocada pola pandemia é o que nós chamamos “global e simétrica” porque está asimilada á presenza de dous shocks simultáneos. Un pola oferta e outro pola demanda. Ambos xeraron reducións de mobilidade e confinamento das persoas que afectan as decisións de consumo e de produción. Tal situación obrigou a resetear os nosos pensamentos e actuacións. É dicir, de súpeto sentimos a necesidade de reformular tanto o modelo produtivo, adaptándoo ás novas circunstancias, como o modelo de funcionamento, acomodándoo aos novos escenarios.

Imos vivir nunha nova era; onde primarán as relacións de proximidade e onde os factores endóxenos cobrarán máis forza, como panca de desenvolvemento. Porén, necesitamos investir en calidade territorial e na mellora das nosas ratios de eficiencia. Deberiamos, de igual modo, insistir no papel fundamental da coordinación dos esforzos que se fagan a partir de agora en todos os niveis institucionais, internacional, estatal e galego. E non podemos descoidar, evidentemente, os teitos sociais para garantir as prestacións e axudas necesarias para mitigar a pobreza e a exclusión social.

Imos vivir nunha nova era; onde primarán as relacións de proximidade e onde os factores endóxenos cobrarán máis forza, como panca de desenvolvemento.

No segundo trimestre do ano a economía galega caeu un 17,9%, menos que o Estado (na contorna do 21,5%), pero máis que Europa (sobre un 13%). Como nos sitúan estas cifras ante o futuro inmediato?

Esas cifras que mencionas son correctas, mais, aínda non se ten reparado con suficiente énfase nas seguintes observacións: á Galiza cústalle máis que a España xerar emprego, máxime nunha fase de despegue e crecemento. E, en segundo lugar, cando comeza a fase de expansión e crecemento económico, a Galiza medra menos que o Estado. Vímolo hai pouco: tardamos en recuperar o nivel precrise un total de 40 trimestres, en tanto que o Estado o fixo en 35 trimestres. Xa que logo, debemos mellorar as produtividades técnicas e a eficiencia empresarial.

Con isto quero manifestar que unha materia pendente segue sendo o tamaño das nosas empresas (que é moi reducido, catro quintas partes do número total teñen menos de 10 empregados) e dificilmente se chega ao limiar mínimo para poder competir internacionalmente. Tamén conviría corrixir os baixos niveis tecnolóxicos, pois dificultan o posicionamento de produtos nos mercados e en certas áreas xeográficas.

Cal debería ser no futuro o papel da Fundación Galiza Europa, que o seu goberno desenvolveu? Está cubrindo as expectativas que xerou cando se creou? Parece un bo momento para que inflúa nas decisións que se tomen a respecto dos fondos de recuperación.

Claro, o seu papel debería ser o de facer de lobby, ou sexa, divulgar e defender Galiza. Para iso foi creada no período en que fun presidente da Xunta. O que ocorre é que, desde hai uns anos, non se aprecian na Fundación actividades relevantes. Tampouco destaca por facer fincapé no impulso do concepto de Marca-País; e moito menos incide na elaboración e na defensa de propostas diante de Bruxelas ou a respecto das que veñen da capital europea. Lamentabelmente, está sometida a un silencio clamoroso.

A Fundación debería ser o catalizador das propostas que poidan emanar de Bruxelas senón tamén das posíbeis alianzas con outros territorios de cara a proxectos transfronteirizos. Nós somos moi pouca cousa en Europa, mais co Norte de Portugal xa empezamos a ter relevancia sobre todo en canto a poboación. E Europa valora moito a cooperación transfronteiriza e aí poderiamos xogar un papel importante, especialmente porque o Norte de Portugal non goza de autonomía e de de decisión propia, e a nosa achega aí sería de gran valor.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

Comentarios