Fernández, Rodríguez e Pérez: 300 partidos de historia do Obradoiro

O club compostelán homenaxeou o trio de adestradores coa entrega dunha camiseta co dorsal número 301 e cadanseu nome.
301-Partidos-corpotecnico_obradoiro
photo_camera Os tres técnicos do Obradoiro, posando coa camiseta con que foron agasallados onte polo clube (Obradoiro CAB)

O trío de adestradores formado por Moncho Fernández, Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez dará un paso máis na historia do Obradoiro cando completen mañá xuntos o partido número 301 na ACB. Con este motivo, o clube compostelán quixo celebrar este momento tan especial e entregou onte a cada un deles unha camiseta conmemorativa co seu nome e co dorsal 301.

O director xeral e deportivo do Obradoiro, José Luis Mateo, foi o encargado de facer a entrega e dedicar unhas palabras en nome do club: "Alcanzar 300 partidos ACB de maneira ininterrompida co mesmo equipo non é moi habitual porque tampouco é nada fácil. E probabelmente non se deba a un só factor".

Enumerou varios, mais "en primeiro lugar, os resultados". "Isto é deporte profesional e os resultados son condición indispensábel para falar de traxectorias lonxevas", comentou, para a continuación salientar a xenerosidade da terna de técnicos que "non soamente pensan neles á hora de traballar, senón que tamén o fan no clube". 

Mateo elaborou un terceiro factor: "Estamos en Santiago de Compostela. Gozar do camiño significa que agora non estean a pensar no partido 350 ou no 400, senón no que é agora o máis importante para chegar á seguinte cifra redonda que queiramos celebrar: o 301".

Agradecemento múltiple

Precisamente nesta última reflexión quixo incidir o adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández. "Estamos moi contentos polo camiño percorrido, por todas as cousas que vivimos xuntos ─as boas e as malas─ e por todo o que gozamos en todo este tempo. Estamos felices ao ver que o clube dos nosos amores comeza a décima tempada consecutiva na Liga Endesa e isto é un logro enorme de moita xente", sinalou o compostelán. 

Ademais, insistiu na "fortuna" que teñen de seren o corpo técnico do Obradoiro. "Somos os que estamos ante os micrófonos, mais estes logros non se conseguen só co noso traballo. Hai moitísima xente detrás que está e estivo", comentou, agradecendo o traballo pasado e presente deses profesionais.

Pola súa banda, Víctor Pérez, confesou que "facer 300 partidos colle valor nun clube como o noso, que tivo que superar tantas dificultades. Isto demostra a estabilidade do clube e do proxecto, ademais da confianza que nos deron", comentou o técnico. 

"Houbo malos momentos, mais nunca nos desviamos do que nós consideramos que é o noso camiño de seguir facendo as cousas á nosa maneira e creo que é o que nos levou até aquí", reflexionou. E engadiu finalmente: "Nunca desfalecemos e sempre cremos no que facemos".

Por último, Gonzalo Rodríguez amosou o seu agradecemento "aos que loitaron por manter vivo o clube durante unha época até que se fixo xustiza e puidemos estar onde estamos agora". Un por un, o axudante de Fernández foi agradecendo "aos accionistas, afeccionados, abonados e todo o mundo que fai que isto teña razón de ser"; "a quen nos contratou e a quen nos mantén e, sobre todo, nos permite ser o que somos e facermos as cousas da forma en que as facemos"; "aos meus compañeiros por toda a axuda, o traballo, o apoio e polo ben que funcionamos como equipo"; "ás nosas familias, que nos axudan moito nos momentos fáciles e difíciles e son parte fundamental de que esteamos hoxe aquí".

E concluíu a súa intervención cunha promesa de cara a todo o que vai vir no futuro: "Temos fame de conseguir moito máis".

Comentarios