A Federación Galega traballa coa hipótese de que Galiza volte a xogar un amigábel este nadal

Galiza podería voltar aos terrenos de xogo e todo apunta a que con Fernando Vázquez outra volta como seleccionador nacional. Así o avanzou en Radio Coruña o presidente da Federación Galega, José García Liñares.

seleção
photo_camera Imaxe previa a un partido da selección

"A idea é realizar este nadal un partido. Non temos aínda un rival específico. Estámolo estudando", afirmou esta terza feira, en declaracións a Radio Coruña-SER, o presidente da Federación galega, José García Liñares.

O directivo salientou que en algún momento se sopesou a hipótese de disputar un encontro con Catalunya, mas esa opción estaría neste momento praticamente desbotada tendo en conta, di García Liñares, que non entra dentro do previsíbel que a selección catalá queira xogar fóra de casa [tradicionalmente, Catalunya disputa un xogo no nadal no Camp Nou].

As opcións de Fernando Vázquez

O retorno de Galiza sería tamén o retorno de Fernando Vázquez? Pódese albiscar que si: "É unha das opcións máis serias. Pero xa digo, primeiro temos que tomar a decisión [sobre a realización do partido e sobre o rival]", declarou García Liñares.

A federación sopesou no seu momento un Galiza-Catalunya, mais esa opción neste momento está practicamente desbotada

O presidente da galega revelou que xa falou desta cuestión co propio Fernando Vázquez  -"xantamos cando coincidimos hai meses co motivo dunha visita de Cruyff á Coruña"- e desligou a candidatura do técnico de Castrofeito ao banco da selección nacional co feito de que "estexa ou non estexa agora co Deportivo".

A xunta directiva da Federación vaise reunir esta cuarta feira e na súa axenda estará, entre outros temas, o hipotético retorno da selección nacional.

Comentarios