Fede Cartabia ao rescate

Hai decisións inexplicábeis que se poden pagar caras. Unha delas é a de eliminar talento dun terreno de xogo. Foi o que fixo Natxo González cando deixou Carles Gil no vestiario no intermedio e puxo no seu canto Didier Moreno. As cousas non poden rodar ben cando o pé que máis toca a bola durante todo un período é o do voluntarioso futebolista colombiano. O Dépor safou porque o voo do seu plantel é moi superior ao promedio da categoría. O treinador branquiazul tiña unha poderosa bala na recámara. Fede Cartabia non fallou.

deportivo
photo_camera Cartabia avanza coa bola controlada

O discurso de Natxo González nas vésperas do encontro —a ponderar o perigo do Almeria no seu estadio, as súas catro vitorias consecutivas; a restarlle importancia a colocar xa a equipa en postos de ascenso directo— prefigurou a actitude do combo coruñés neste desprazamento. A idea de fondo era non perder. Suxeitar un rival con toneladas de dinamita na súa vangarda, xente espelida e rápida, capaz de che amargar a noite en calquera perda de balón.

Montou de inicio o Deprotivo unha equipa aseada, sen renunciar aos seus sinais de identidade. O rombo característico e dous puntas arriba. A inclusión de Santos non funcionou. É un punta demasiado 9, demasiado réplica de Quique González. Non carborou a dupla e por aí perdeu o combo coruñés opcións de inquietar René.

A primeira parte resultou nunhas táboas tan previsíbeis como as do macht entre Carlsen e Caruana, tampouco é que teñamos dereito a divertirnos en todos os partidos. Ningunha sorpresa táctica. Só un futbolista sobre o campo, Carles Gil, tentaba iso da profundidade, colocar a bola en zonas esquivas para a zaga rival, burlar os cintos de seguranza, pór algo de alimento perto do campo de tiro de Quique e Santos.

Por todo iso surprendeu que Natxo González relevase Gil no descanso para dar bola a un futebolista que é a súa antítese, Didier Moreno. Non diabolicemos tampouco un xogador do seu perfil. Simplesmente digamos que con el no campo e con Gil fóra as posibilidades do Dépor decrecían dramaticamente (podían perfectamente ter convivido sobre o céspede con outra disposción táctica). Moreno roubou non poucas bolas e estivo moito máis activo que en partidos precedentes. Pode ser unha peza útil, mais en ningún caso pode ser o eixo sobre o que roten os seus compañeiros.

Por un erro no pase de Moreno, e por certa desidia na recuperación da súa posición (hai que correr cara á defensa cando se perde a pelota no centro do campo), abriuse a fenda que levou ao grande gol do colombiano Narváez, unha dura pancada no lombo coruñés. Dura porque non daba a sensación de que a equipa tivese a menor opción de achar pasadizos que conducisen á portería de René. 

Non existían camiños pola ausencia de xogo combinativo, orfo de Gil e do ausente Carlos Fernández, mais este Dépor ten recursos sobexos para sobrevivir (só perdeu un partido no que vai de campionato). No minuto 66 apareceu sobre o campo Fede Cartabia. O outro orfebre. Natxo González debería aprender que nunca hai que ser rañicas co talento e que canto máis haxa en xogo, mellor.

UD Almería: René, Romera, Owona, Saveljich, Andoni, Arzura, De la Hoz, Corpas, Luis Rioja (Narváez, min. 67), Juan Carlos (Chema, min. 86) e Álvaro Giménez.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Álex Bergantiños, Edu Expósito (Krohn-Dehli, min. 46), Vicente (Fede Cartabia, min. 66), Carles Gil (Didier Moreno, min. 46), Quique González e Christian Santos.

Goles: 1-0 Narváez (min. 75); 1-1 Fede Cartabia (min. 84).

Árbitro: Ávalos Barrera (c. catalán). Mostrou cartóns amarelos a Edu Expósito (min. 32) e Romera (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 14ª xornada de LaLiga 1|2|3 no estadio dos Xogos do Mediterráneo.

Comentarios