A falta de gol e o árbitro afastan o Celta dos postos europeos

O equipo vigués caeu en Málaga (1-0) nun encontro no que lle anularon un tanto legal e perde posicións namentres segue sen acertar en ataque malia os cambios na aliñación que propuxo Berizzo.

celta-crop
photo_camera Málaga-Celta

Camiño dos 500 minutos consecutivos sen marcar, o Celta entrou en crise de resultados, non tanto de xogo porque só esa sorprendente falta de puntería ante a meta rival está a impedir que o equipo de Berizzo manteña o nivel amosado no comezo de Liga. Pero a grave seca anotadora -que non variou malia os cambios en ataque que aplicou o adestrador, dando entrada a Charles e Santi Mina- afasta os celestes dos postos europeos, aínda achegados pero xa a sete puntos. 

O propio Málaga marca posicións continentais sete puntos por riba xa dos vigueses

Marca zona continental precisamente o Málaga, que derrotou este sábado á noite na súa casa o Celta por un único gol, obra de Samuel de cabeza após un gran centro de Santa Cruz no primeiro terzo do choque. O conxunto galego cedeu desde ese momento algo de control pero sen perderlle a cara ao encontro, no que tamén foi prexudicado polo árbitro, que no minuto 69 anulou, por un fóra de xogo de Charles que non existía, o tanto da igualada. 

Até o final buscou o Celta sumar na súa visita a Andalucía -onde fixera pleno a pasada tempada- pero mesmo foi Sergio que, de novo, con algunha magnífica actuación evitou o gol en contra e a sentenza, namentres Nolito desperdiciaba a última ocasión dos seus e o partido fechábase con derrota viguesa, sen ver portería outra vez.

Comentarios