Fallida aposta de Fernando polo trivote defensivo na súa estrea no Sánchez Pizjuán

Non houbo efeito Fernando Vázquez na estrea do treinador de Castrofeito. O Deportivo perdeu a primeira das súas 15 finais no tramo decisivo do campinato. Fernando apostou por un trivote defensivo no centro do campo -Bergantiños, Assunção e Aguilar-, mas a equipa non gañou en consistencia.
Bergantiños
photo_camera Bergantiños

A primeira aposta de Fernando Vázquez foi máis ben a prol do fútebol de altos fornos, siderúrxico, acumulación de quilos no centro do campo. O seleccionador galego puxo sobre o relvado a tripla Bergantiños, Assunção e Aguilar. O obxectivo, frear o talento do Sevilla na zona de criación. Protexer a Aranzubia.

Mais non serviu de nada. O Sevilla foi un ciclón na primeira media hora de xogo, saldada cun 2-0. Non entrou polo centro a equipa de Emery, senón polas bandas. Navas puxo en evidencia a Evaldo. Moi mal ten que estar Ayoze para que Fernando Vázquez se decidise polo brasileiro para lle entregar o carril esquerdo (en realidade, a quen llo entregou foi a Navas).

O 2-1 chegou nunha acción típica de Riki, mas o Deportivo apenas lle fixo as beiras á remontada. A falta de tensión na zona de cobertura foi aproveitada por Medel para facer o 3-1.

Na segunda parte, con Valerón no campo e, nomeadamente, coa achega dun inspirado Salamão, o Deportivo levou o perigo á portería, á baliza sevillista. Oliveira tivo o gol en dúas ocasións, mas o gardamallas do Sevilla se encarregou de que o taboleiro de marcas non se movese.

3-1. Final de partido. O Deportivo suma 16 pontos após 24 partidos disputados. Fican 14 por se xogar. Segundo as contas de Fernando, con 8 vitorias a equipa safaría. 8 de 14 (o combo galego leva 3 de 24 no que vai de campionato). Impossible is nothing.

Comentarios