Falece Pablo Aguirregabiria, do OAR A Coruña

O adestrador e director deportivo do OAR A Coruña faleceu nun tráxico accidente estaterza feira. Na súa traxectoria figuran varios ascensos á Primeira División e á División de Honra Prata.
Pablo Aguirregabiria nun dos encontros do OAR A Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pablo Aguirregabiria nun dos encontros do OAR A Coruña (Foto: Nós Diario).

O balonmán galego está de loito polo falecemento esta terza feira, en accidente de tráfico na localidade de Baralla (Os Ancares), de Pablo Aguirregabiria (Oñate, Euskadi, 1972).

Vinculado á cidade da Coruña desde hai anos, nela estudou Ciencias do Deporte e a Actividade Física e fixo carreira, como xogador e como adestrador, do Oar A Coruña 1952. Como xogador comezou en setembro de 1990, aínda estudante.

Despois compatibilizou a súa actividade como xogador e adestrador de base.

Exerceu como adestrador no Xiria de Carballo (Bergantiños) e tamén en Canarias, mais volveu ao club coruñés como adestrador e director deportivo, función que desenvolveu desde 1999 de maneira continuada.

Na súa traxectoria figuran varios ascensos á Primeira División e á División de Honra Prata.

A Xunta expresou o seu pesar pola morte de Aguirregabiria a través dun comunicado no que o vicepresidente segundo e responsábel de Deportes, Diego Calvo, trasladou en nome do Goberno galego o pésame á familia e achegados do guipuscoano asentado na cidade herculina desde hai anos.

Comentarios