Falece Johan Cruyff, mito do fútbol mundial

Referente do fútbol a nivel mundial, Johan Cruyff morreu esta quinta feira aos 68 anos após non dar superado o cancro de pulmón que lle diagnosticaran en outubro de 2015.

[Imaxe: Wikipedia] Johan Cruyff
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Johan Cruyff

Johan Cruyff finou esta quinta feira en Barcelona aos 68 anos ao non superar un cancro que se lle diagnosticara no mes de outubro. Nado en Amsterdam en abril de 1947, este mito do fútbol era colaborador da federación catalá de fútbol en proxectos deportivos e sociais, aliás de ser presidente de honra do FC Barcelona, equipo no que xogou durante tres temporadas intercaladas entre os anos 1973 e 1978 e que, posteriormente adestrou.

A súa calidade levouno a ser merecedor do Balón de Ouro até en tres ocasións, en 1971, 1973 e 1974. O máximo expoñente do “fútbol total” tamén foi recoñecido pola IFFHS como mellor xogador de Europa e o segundo mellor xogador do século XX. Entre os moitos premios que recoñecen a valía de Cruyff atópase o Premio Creu de Sant Jordi, a máis alta distinción da Generalitat da Catalunya.

Un ídolo en Barcelona

A chegada de Cruyff a Barcelona non estivo exenta de polémica. Foi a raíz da súa ruptura co Ajax, clube que ás súas costas negociaba o traspaso do holandés ao Real Madrid. Após decatarse, Cruyff decidiu fichar polo Barça por 12.000 dólares mensuais. A súa fichaxe fora a máis cara da historia do fútbol até ese momento (60 millóns das antigas pesetas).

Co holandés como xogador e adestrador (do 1988 ao 1996), o Barça vivía un dos seus mellores momentos. A súa identificación con Catalunya tamén o levara a participar até en dúas ocasións en partidos da selección catalá, combinado do que foi seleccionador de 2009 a 2013.

A alma mater do Dream Team

Cruyff será lembrado en Barcelona por dirixir o coñecido como Dream Team, que viviu o seu momento máis brillante na final da Copa de Europa de Wembley, cando o Barcelona se impuxo a Sampdoria no minuto 111 da prórroga. Era a primeira vitoria do Barça nunha final da Copa de Europa e o equipo de Cruyff pasaría á historia por iso.

No seu palmarés como adestrador fican dúas Copas dos Países Baixos co Ajax (1986 e 1987); unha Copa do Rei co Barça (1990); catro Ligas co Barça (1991, 1992, 1993 e 1994) e tres supercopas de España co Barça (1991, 1992 e 1994). Ademais, logrou dúas recopas de Europa (unha co Ajax, en 1987, e outra co Barça, 1989), unha Copa de Europa co Barça (1992) e unha Supercopa de Europa co Barça (1992).

Comentarios