Falece en accidente de tráfico o piloto galego de rally Víctor Magariños

O piloto bateu co seu coche frontalmente contra outro vehículo na estrada EP-0401 no concello de Cerdedo-Cotobade
Victor Magariños nunha imaxe de arquivo (Foto: Integral Motorsport).
photo_camera Victor Magariños nunha imaxe de arquivo (Foto: Integral Motorsport).

O piloto pontevedrés de rally Víctor Magariños faleceu este sábado tras sufrir un accidente de tráfico no termo municipal de Cerdedo-Cotobade .

Segundo fontes do 112 Galicia, o sinistro, consistente nunha colisión frontal entre dous coches, ocorreu ao redor das 12.25 horas no punto quilométrico 2 da EP-0401, na localidade de Carballedo.

Ao parecer, os dous vehículos accidentados percorrían un dos tramos das probas de recoñecemento para o Rally de Pontevedra, previsto para a próxima fin de semana.

Foi un particular quen chamou á central de emerxencias para alertar do ocorrido, tras o cal o 112 activou un operativo no que participaron o 061-Urxencias Sanitarias, o GES da Estrada e os bombeiros de Pontevedra.

Tal e como confirman fontes do operativo, Víctor Magariños resultou falecido no punto, mentres que o outro piloto foi evacuado a un centro hospitalario en helicóptero medicalizado debido ás feridas que presentaba. Ambos tiveron que ser excarcerados dos seus respectivos vehículos.

Comentarios