"Veu o xefe de seguridade do Rayo con varios policías a dicirme que non podía estar coa estreleira"

Falamos co seareiro expulsado do estadio de Vallecas por levar unha estreleira. “Faltaban uns minutos para rematar o partido e achegóusenos o xefe de seguridade do Rayo, varios de seguridade e catro policías nacionais para dicirnos que esas bandeiras non podían estar no estadio”, lembra Breixo L.

estreleira
photo_camera Unha bandeira galega coa estrela vermella nun estadio.

Breixo é un galego que vive en Madrid e que a pasada fin de semana se desprazou acompañado dun amigo até o estadio do Rayo Vallecano para ver o partido que enfrontaba a equipa madrileña co CD Lugo. “Entramos por unha porta diferente á dos seareiros do Lugo, nós fixémolo pola da afección local. Supoño que os de seguridade desa porta non tiñan consigna de requisar porque non nos quitaron as bandeiras [fala das bandeiras galegas coa estrela vermella, estreleiras] e iso que entramos os dous con elas amarradas á cintura, sen ningún impedimento”.

Na primeira metade estiveron na bancada dos afeccionados do Rayo Vallecano sen ningún tipo de problema. “No descanso decidimos ir onde estaban os afeccionados do Lugo para gozar alí da segunda metade. O absurdo foi que no minuto 88, cando o partido estaba a piques de rematar, veu o xefe de seguridade do Rayo Vallecano canda varios axentes de seguridade e catro policías nacionais, e de forma bastante intimidatoria comináronnos a acompañalos fóra”.

Este afeccionado indica que nese momento pediron que se lles explicase o por que´desa petición. “No momento non nols quixo dar explicacións mais si o fixo despois, fóra”, lembra. “Vostede sabe que as bandeiras independentistas están prohibidas nos estadios, non se pode vir con bandeiras políticas”, díxonos. Respondémoslle que no estadio podían verse bandeiras republicanas españolas e que esas polo que se ve non tiñan problema, que eles só querían retirar a que levabamos nós, que non ofende a ninguén”.

Circular

“Entón argumentaron que había unha circular aprobada pola Liga na que se aseguraba que non se permitía nos estadios bandeiras como a estreleira". Breixo coñece a circular e considera que nela "non prohíbe que un afeccionado leve estas bandeiras. Mais eles interpretan como lles pete. Outro compañeiro emigrado, galego e que é socio do Rayo, puxo unha queixa perante o club polo acontecido”.

Breixo engade que “houbo varios seareiros galegos que ao ver o que acontecía saíron canda nós a preguntar o que pasaba. Entón entereime que xa lles requisaran a eles bandeiras e faixas na entrada ao estadio”.

Comentarios