mércores 26/01/22

Facenda decreta unha nova orde de embargo contra o Deportivo e pon o clube á beira da liquidación

O Deportivo corre o serio risco de verse abocado a súa liquidación como sociedade anónima, despois de que esta mesma cuarta feira Facenda decretase un novo embargo do clube, o segundo desde o cambio na presidencia que levou a Tino Fernández a substituír a Augusto César Lendoiro

Dépor-Murcia
Un lance do Dépor-Murcia

Na Praza de Pontevedra os dirixentes deportivistas están moi preocupados ante a situación que se lles presenta en vista do que cualifican de inmobilismo de Facenda. Fontes consultadas por Sermos Galiza enfatizan que, desde que Tino Fernández é presidente, a prioridade do clube ten sido chegar a un acordo con Facenda, mais a Administración estatal plántase nun convenio que, estiman os directivos da entidade coruñesa, poría en serio risco a saúde económica do Deportivo e a súa viabilidade. Tanto é así que o embargo desta cuarta feira comprometería a tesourería da entidade branco e azul.

Fontes próximas ás negociacións confirman que o risco da liquidación está no horizonte se "non hai un cambio táctico por parte de Facenda". As relacións, asegura a fonte informante, están totalmente "rotas". De feito, o panorama é tan escuro que Facenda planifica ordes de embargo para a vindeira semana, unha vez superada a data do 7 de marzo, día en que oficialmente o xuíz Niño asinará a fin do concurso de acreedores do Dépor.

As fontes consultadas por Sermos Galiza confirman que o risco da liquidación está no horizonte se "non hai un cambio táctico por parte de Facenda"

Facenda rachou todo tipo de conversa. Nin descolga o teléfono. Négase a avanzar nas xestións, indican fontes deportivistas a Sermos Galiza. Esta situación prodúcese desde hai dúas semanas, aseguran. "As pretensións de Facenda mesmo van máis aló dos dereitos que lle asisten, xa que mesmo plantexa situacións de cobro sobre cantidades e dereitos que non lle corresponden", din. E argumentan que esta postura da axencia tributaria está a provocar un colapso da contabilidade do clube colocándoo nunha posición de estrangulamento económico.

Facenda teríase descolgado dos acordos alcanzados durante o verán co Deportivo

A situación chama máis a atención neste momento en vista de que Facenda o pasado 31 de xullo formulaba un escenario totalmente diferente, difícil para as arcas herculinas, pero máis asumible que o que esixe neste momento. O actual panorama de negociación condena ao Deportivo, en primeiro lugar, e ao resto de acredores, en segundo termo, que non poderán cobrar o que se lles adebeda, sempre segundo as fontes próximas á entidade.

Segundo puido saber Sermos Galiza, Facenda teríase descolgado dos parámetros pactados durante o verán en varios feitos importantes:

En xullo, Facenda estaba disposta a que o Dépor pagase a débeda privilexiada a 10 anos. Agora non negocia un periodo superior a 8 anos para liquidar a débeda.

En xullo, Facenda aceptaba o pagamento duns xuros de entre o 0,5% e o 0,8%. Neste momento, esixe xuros polo 2% da débeda privilexiada aínda que no comezo das conversas con Tino Fernández as esixencias alcanzaban o 3,75%.

En xullo, Facenda rexeitaba cobrar parte da súa débeda como privilexiada deixando que esta formase parte da debeda subordinada. Agora Facenda muda de opinión e quere incluir 30 millóns máis como débeda privilexiada. Facenda mesmo ameazou xa con denunciar ante os tribunais ao Deportivo para incluir estes 30 millóns de euros como débeda privilexiada.

Facenda xa non quere falar máis. Só quere cobrar o máis rápido posible a un prezo incumprible para a entidade, xulgan na Praza de Pontevedra

Tamén hai conflito polos dereitos de televisión. Se había un certo acordo para que dos 22 millóns de euros, 12 fosen para Facenda e 10 para as entidades bancarias, agora a axencia tributaria rompe a baralla e esixe a totalidade dos 22 millóns de euros, desprezando os intereses de outros acreedores con dereito a cobrar, enfatizan as nosas fontes. Dereito que foi recoñecido polo xuíz do concurso en autos de ano 2013 onde se discutía este conflito.

As altas pretensións de Facenda tamén chegan sobre as futuras partidas por ingresos extraordinarios que poida alcanzar o novo consello de administración liderado por Tino Fernández, xa que Facenda esixe porcentaxes sobre esas novas cantidades que se vaian negociar, porcentaxes que son excesivamente elevadas.

Altísima preocupación

Existe, xa que logo, unha altísima preocupación xa que onde semellaba que se respiraba certa calma, desde que se producira o relevo da dirección da entidade, en realidade o que hai é unha dura pugna cun negociador en posición de privilexio que "ten a tixola no lume e collida polo mango e sen intención de retirala".

Facenda xa non quere falar máis. Só quere cobrar o máis rápido posible a un prezo incumprible para a entidade, xulgan na Praza de Pontevedra. A súa postura acendeu as alarmas en vista de que o 7 de marzo está a volta da esquina e non hai acordo. O que máis preocupa é que a Administración estatal non quer ter conversas cos acredores máis importantes do clube. Acredores abertos a pactar opcións máis responsábeis para asegurar a viabilidade do Deportivo e o cobro das débedas. Pero Facenda pechouse en banda e deu as costas ás outras partes da negociación. Nin responde a requerimentos, nin a peticións de acordo.

A partir do 7 de marzo, dentro de 24 horas, se Facenda non muda de estratexia a porta da liquidación para o clube coruñés, colíder neste momento da Segunda División, é unha perspectiva moi real. O Dépor está a un paso do abismo, se non se dan endereitado as conversas con Facenda.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Facenda decreta unha nova orde de embargo contra o Deportivo e pon o clube á beira da...
comentarios