O Extol manda na resistencia da man de Ortega e Busto

Primeiro Campionato da Galiza da modalidade.
Foto de familia coas gañadoras nas distintas categorías. (Foto: Luz Iglesias).
photo_camera Foto de familia coas gañadoras nas distintas categorías. (Foto: Luz Iglesias).

A primeira tempada da modalidade de Resistencia dentro do calendario da Federación Ciclismo Galego (FCG) baixou o pano coa súa cita máis importante, a 3 Horas BTT Noia.

Alí congregáronse 280 bikers masculinas e femininas -cifra que supón un novo récord de participación- co gallo de determinar no circuíto do polígono industrial de Agualevada (Noia) quen serían os primeiros campións e campioas da modalidade.

Antes de que as bicicletas comezasen a rodar durante tres horas no evento organizado polo Club Peña Ciclista Toxo gardouse un minuto de silencio en memoria dos falecidos e desaparecidos na traxedia do 'Vila de Pitanxo' nas augas de Terranova.

Desta homenaxe pasouse a unha accidentada posta en escena coa caída nada máis arrancar de Manuel Ángel Parada (Xesteiras), que saíra desde a primeira fila da grella. Co gañador da xeral da Copa Galiza dando cos seus ósos no chan, un compañeiro do seu equipo como Alejandro Trasbach e Busto (Extol) foron os principais protagonistas da carreira. 

Por tan so 10 segundos de diferenza, e despois de dar 11 voltas ao circuíto, Busto asinou o mellor rexistro na liña de meta cando o reloxo marcaba 2 horas, 57 minutos e 55 segundos desde o inicio da proba. Trasbach esixiulle até os metros finais, e obtivo o título Máster-40, mentres que Daniel García outorgoulle outra coroa ao Xesteiras logo de  rematar terceiro, a 57 segundos de Busto, e proclamarse así campión Máster-30. 

Tres coroas femininas

A gran favorita entre as mulleres cumpriu cos prognósticos. Eva Ortega, gañadora da Copa Galiza, prolongou a súa hexemonía acumulando oito voltas en 2.40.47. A tamén corredora do Extol avantaxou en 6.29 Irene Trabazo (XSM), finalizando en terceira posición Rebeca Muñoz (Xesteiras), que conquistou a coroa Máster-40. Mar Delgado (Monteneme) gañou o bronce elite e coa 'medalla de chocolate' na categoría raíña quedou Desirée Fernández (Ribadumia).

O terceiro título que estaba en xogo logrouno Sofía da Silva (Os Moqueteiros), primeira Máster-30. Nesta idade Silvia Blanco (Avelaíñas) rematou na segunda praza e Mirian Iglesias (Media Ducia), na terceira. A recompensa dun posto de podio tamén foi nas Máster-40 paraRebeca Nieto (Vara e Pedal) e Andrea Pousada (Poio Bike).

Comentarios