Exixen ao Valedor do Pobo que mova ficha e free o veto á simboloxía nacional no deporte

Unha petición en Change.org procura sinaturas en contra da particular interpretación que a policía española fai do regulamento contra a prevención da violencia, amparándose no artigo que prohibe nos estadios ''pancartas, bandeiras ou símbolos que inciten á violencia ou ao terrorismo'', malia permitiren bandeiras españolas coa aguia franquista

Balaídos
photo_camera [Imaxe: SG]


O Movemento polos dereitos civís vén de rexistrar unha petición na páxina de Change.org para exixir perante o Valedor do pobo que cese o veto ás bandeiras galegas nos recintos deportivos. "Semella que o avance nas liberdades públicas é máis cosmético que real", sinala o colectivo, subliñando que o xugo ás manifestacións ideolóxicas aperta "como en 1976". 

Ao fío, ligan un titular publicado na imprensa nese ano en que se daba conta dun requisamento das bandeiras nacionalistas galegas que portaban @s manifestantes nun acto convocado polo Día do Estatuto Galego. Máis de trinta anos despois, en "democracia", esta semana Sermos Galiza publicou outro titular nos mesmos termos para dar conta do veto a unha bandeira nacionalista que portaba un siareiro do Dépor e que lle foi requisada após retelo media hora. A acta policial fala de "bandeira independentista galega" a borda este símbolo nacional como "unha cuestión de orde pública".

Desta volta nin sequera se pode alegar o condicionante de "perigosidade" que a policía española achacou o Día da Patria de 2010, cando impediu a entrada en determinados locais a quen portaba 'estreleiras' porque o pau podía empregarse como arma contra @s asistentes a un acto relixioso na Catedral de Compostela. Porén, o siareiro do Dépor levaba a bandeira atada á cintura. 

Requisan simboloxía galega e permiten bandeiras españolas preconstitucionais

Siareir@s do Celta teñen relatado na páxina web meuCelta.com como en xaneiro de 2013 a policía española esperou polos autocarros que viaxaron a Madrid desde a Galiza "ás aforas" da cidade, "subiron e ordenaron que baixaramos de dous en dous retirando bandeiras de peñas e camisolas e obrigando a se identificaren todos os que portabamos algunha simboloxía". 

Conclúe a petición do Movemento polos dereitos civís sinalando como namentres os símbolos nacionalistas da Galiza se requisan nos estadios si se permiten bandeiras españolas coa aguia franquista, tal e como constataron @s seguidor@s do Dépor.

Malia isto, a policía explicou que o requisamento das 'estreleiras' responde a unha interpretación do real decreto 203/2010, de 26 de febreiro, polo cal foi aprobado o regulamento de preventión da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, recollendo un apartado que fala da prohibición no recindo de "pancartas, bandeiras ou símbolos que inciten á violencia ou ao terrorismo".

Comentarios