Eva Castro, ciclista: "A retirada é moi difícil para as deportistas, até o punto de sentirse baleiras"

Pode que o nome de Eva Castro (Oleiros, 1977) non sexa dos máis coñecidos fóra do mundiño da bicicleta, pero o seu nome está por dereito propio no olimpo do deporte galego como un dos máis galardoados, cun palmarés que acumula medallas mundiais, europeas e innumerábeis títulos estatais e galegos.
Eva Castro aínda compite "por diversión" en probas puntuais. (Foto: MTB).
photo_camera Eva Castro aínda compite "por diversión" en probas puntuais. (Foto: MTB).

A primeira cuestión é obrigatoria para toda deportista que, como vostede, pasa pola experiencia non en poucas ocasións traumática de deixar atrás a actividade que a acompañou durante tantos e tantos anos. Como leva a vida pos deporte?

É unha etapa moi complicada pola que pasa todo o mundo que se retira. Coñezo casos de xente que se sentía baleira por dentro, de pasalo realmente moi mal. Por desgraza, eu sempre tiven que compatibilizar o meu deporte co traballo, polo que resultaba bastante estresante ter que prepararte, competir e gañar a vida, todo ao mesmo tempo. En España era moi complicado, e aínda segue séndoo facelo. E non sei porque, xa que cada vez é maior o número de practicantes, mais agardo que co paso do tempo xurdan novas oportunidades no mundo da bici.

Como era esa experiencia de compatibilizar o traballo co deporte de elite e como realizou a transición cara a retirada?

Eu traballaba media xornada e dedicaba o resto do día a adestrar, así que en principio non me custou moito a retirada nun comezo. Con todo, a miña retirada foi nunhas condicións un tanto estrañas, despois de perder unha serie de axudas que recibía do Xacobeo e das que dependía a miña presenza en competicións a nivel internacional. Sen elas tiven que deixalo, desmotiveime, marchei vivir para Madrid... foron moitos cambios en pouco tempo: vida nova, traballo novo e sitio novo, difícil non pasalo mal, porque botas en falta a túa vida anterior, as carreiras, os viaxes sobre todo, o andar por aí dun lado para outro. Por sorte non o deixei de golpe, porque seguín competindo a nivel Estatal, en probas do Open de España de descenso, algunha carreira de enduro... e de feito gañei un campionato de España, e aínda hoxe véxome capaz de facer podium. Compito de cando en cando nalgunha carreira que me resulta divertida, como é o Marisquiño de Vigo, ou nun evento que organiza Red Bull na Pinilla de Segovia para, como se di, ir matando o veleno que leva unha dentro, sempre coa mentalidade de pasalo ben, non de gañar. Aínda que se podo facelo, mellor que mellor (ri). Xa deixei atrás aquelas crises que tiña de chegar a dicir "foder, como boto en falta a miña vida deportiva", non. Miro atrás e valoro todo o que fixen no deporte, como a disciplina que emprego no meu posto de traballo, o cal por certo conseguín grazas á bicicleta, o que me permite seguir dentro do mundiño. 

Entendo polas súas palabras que esa situación de compatibilizar o deporte co traballo na súa época de máis alto nivel non era nin moito menos por vontade propia. Nunca tivo a opción de dedicarse 100% á bicicleta?

Non, era moi complicado. Nunca fun quen de correr íntegro a Copa do Mundo por falta de financiación, así que imaxina o que faltaba para vivir.

Falando a nivel internacional, era unha situación propia da época ou aínda segue pasando?

 Unha persoa hoxe co nivel que eu cheguei a adquirir penso que, grazas tamén ás redes sociais e a que existe outro modo de traballar e de mostrarte ao mundo, e facendo ben as cousas, si podería. Aínda así hai moito que pelexar, porque no deporte que eu facía, descenso, hai só unha persoa que pode vivir do deporte. 

Conversando con outros veteranos e veteranas do mundo da bicicleta e do mundo do BTT, moitos destacan o castigo físico que acaba representando esta disciplina no corpo humano en forma de osos rotos, dores e molestias crónicas... Neste eido, como se atopa Eva Castro? É unha muller sa?

Considérome bastante afortunada para o deporte que fixen e que sigo facendo, pois actualmente pego saltos en ocasións máis grandes dos que metía de nova, porque teño máis experiencia. Así que, a pesar da miña idade, podemos dicir que sigo indo bastante forte na bici. É certo que tiven moitas lesións: nocellos, rotos varias veces; clavículas, fracturadas por suposto; luxacións de ombreiro e de cúbito-radio; rotura de esterno... e hai algunhas que sufro a día de hoxe e que sufrirei o resto da miña vida, especialmente no pescozo, onde teño varias hernias cervicais coas que convivo desde os 23 anos, unha época na que ademais compatibilizaba a bicicleta con outros deportes como o motocross, así que podemos dicir que facía  todo o que é malo para o pescozo (ri). Tamén é certo que antes non había as instalacións que hai agora para adestrar ou os coñecementos sobre preparación física que temos. Pero dentro do que cabe, de todo o que rompín e de todas as operacións que sufrín, non podo queixarme, estou bastante ben, porque teño compañeiras que están moito peor e que mesmo tiveron que retirarse por iso.

Comentarios