Europa, aos pés do piragüismo galego

Os e as representantes do país conquistan seis metais no Europeo.
Valeria Oliveira (dereita) foi terceira no C-1 400 metros xuvenil e a piques estivo de subir ao podio no C-1 200 metros, pois rematou cuarta. (Foto: Fegapi).
photo_camera Valeria Oliveira (dereita) foi terceira no C-1 400 metros xuvenil e a piques estivo de subir ao podio no C-1 200 metros, pois rematou cuarta. (Foto: Fegapi).

Hai canteira. As novas promesas do piragüismo galego exhibíronse no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 que se desenvolveu na capital de Serbia, Belgrado, onde conquistaron un total de seis metais: tres ouros, unha prata e dous bronces.

A embarcación K-4 500 metros xuvenil, na que estaban presentes o padexeiro do Kaiak de Foz Iago García e Mauro Domínguez, do Piragüismo Verducido -xunto a Rubén García e Carlos García-, lograba a medalla de ouro nunha carreira na que Hungría foi prata e Alemaña bronce, países que non tiveron ningunha opción ante a superioridade dos galegos e os seus compañeiros.

Unha das grandes exhibicións do certame foi a do padexeiro do Morrazo Pablo Graña na final do C-1 200 metros. Desde o inicio da proba colleu a cabeza da carreira e, pouco a pouco, foi aumentando a distancia cos seus rivais até cruzar a liña de meta con case un segundo de vantaxe sobre a polaco Norma Zezula e o búlgaro Preslav Georgiev.

A parella formada por Alba Rodríguez (Piragüismo Poio) e Elena Millán proclamouse campioa de Europa na final de C-2 200 metros xuvenil cun tempo de 44.485 segundos. Nun final de auténtico infarto a embarcación de Hungría atravesou a liña de meta tan só unha décima de segundo despois. Algo máis tarde chegaron as alemás, medalla de bronce.

O festival galego continuou con senllas pratas no C-2 Sub-23 500 metros da man dos irmáns Diego e Noel Domínguez (Breogán do Grove). A dupla das Rías Baixas, pese ao seu bo papel, non puido coa parella italiana, que levou o ouro, mentres que Polonia foi terceira.

Valeria Oliveira (Piragüismo Poio) completou un magnífico torneo ao levar a medalla de bronce na final do C-1 500 metros xuvenil. Oliveira finalizou a carreira por detrás da húngara Panna Gyore e da portuguesa Beatriz Fernandes. A súa actuación completouna cun meritorio cuarto posto na final do C1-200 metros, onde apenas 700 milésimas a separaron de volver subir o podio.

Por último, o combinado da EP Cidade de Pontevedra (Pablo Crespo e Jaime Duro) logrou a medalla de bronce na final de C-2 1.000 metros. 

A Copa de España de Caiac, a Vigo

As augas da Ría de Vigo serán escenario dun grande acontecemento deportivo esta fin de semana -sábado 2 e domingo 3 de xullo- coa disputa da III Copa de España de Caiac de Mar, na que participarán máis de 400 padexeiros e padexeiras nas distintas categorías en liza.

Presentado na sede da Deputación de Pontevedra na cidade olívica durante a xornada de onte, esta Copa de España é, ademais, clasificatoria para o campionato europeo que se levará a cabo en Italia en setembro.

Nun acto no que estiveron presentes o deputado de Deportes, Gorka Gómez; a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias; a vicepresidenta da Federación Galega de Piragüismo, Araceli Menduíña; o xefe provincial de Deportes da Xunta da Galiza, Daniel Benavides; e o presidente do club Caiac Vigo, Emilio López, este último puxo en valor o feito de que Vigo reunirá "ás figuras máis representativas deste deporte". Ademais, explicou que a proba estrela será a regata downwind, un percorrido de 17 quilómetros entre Vigo e Baiona ou viceversa.  

Comentarios