Unha etapa contra o reloxo en Sarria fechará a nova Volta Ciclista á Galiza

O centro histórico da vila acollerá o percorrido.
Efrén Castro intervén durante o acto de presentación (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Efrén Castro intervén durante o acto de presentación. (Foto: Deputación de Lugo)

Sarria decidirá o final da Volta Ciclista á Galiza 'O Gran Camiño', proba que pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo profesional galego no calendario internacional. O centro histórico da vila será a meta da cuarta e última etapa -a única contra o reloxo- dunha rolda galega que conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que se disputará o vindeiro 27 de febreiro.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o organizador do evento, Ezequiel Mosquera, fixeron o anuncio na mañá de onte nun acto no que participaron os ex ciclistas Óscar Pereiro e Alejandro Paleo, así como o concelleiro de Seguridade Cidadá sarriao, Félix Seixas.

"Un percorrido que ten como referencia a Ruta Xacobea tiña que pasar necesariamente por Sarria, onde existe unha importante afección polo ciclismo”, destacou Efrén Castro

Efrén Castro subliñou que "acoller a final da Volta á Galiza colocará Sarria no foco do mundo do ciclismo, reforzando tamén a súa proxección como punto de referencia do Camiño de Santiago".

Nese sentido, sinalou que "un percorrido que ten como referencia a Ruta Xacobea tiña que pasar necesariamente por Sarria, onde existe unha importante afección polo ciclismo”.

O responsábel de Deportes explicou que, co impulso a este evento, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo pretenden "contribuír a recuperar o pulo do ciclismo profesional galego despois de anos sen estruturas e probas propias".

Ezequiel Mosquera, pola súa parte, explicou que o casco histórico de Sarria "supón un escenario icónico para o final do Gran Camiño".

Ademais, agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sacar adiante un evento que, avanzou, contará con equipos UCI Pro Tour, que forman parte dos pelotóns das grandes probas internacionais, recollendo así a remuda da antiga Volta á Galiza, que disputaron -e gañaron- históricos como Indurain, Pantani, Olano ou Jalabert.

Comentarios