A etapa raíña da Volta Ciclista á Galiza será entre Esgos e Rubiá

Tamén lembrará as terras queimadas en Valdeorras
Óscar Pereiro, na presentación. (Foto: O Gran Camiño).
photo_camera Óscar Pereiro, falando na presentación, á que asistiu o presidente da Deputación, Manuel Baltar (de terceiro, na imaxe). (Foto: O Gran Camiño).

O Pazo Provincial de Ourense acolleu na xornada de onte a presentación dunha nova etapa da Volta Ciclista á Galiza O Gran Camiño 2023, que desenvolverá a súa segunda edición do 23 ao 26 de febreiro.

Nesta ocasión tratouse da terceira tirada, penúltima da carreira e que sobre o papel será a "raíña", tal e como destacaron desde a organización.

O seu percorrido, con saída en esgos e chegada en Rubiá, pretende ser, ademais dun espectáculo deportivo, "unha homenaxe á veciñanza e ás aldeas de Valdeorras afectadas polos lumes deste pasado verán".

Con todo, neste avance da etapa ourensá do Gran Camiño os organizadores mantiveron aínda en segredo os detalles do percorrido entre Esgos e Rubiá, como o número exacto de quilómetros ou de ascensións e a súa categoría, aínda que si destacaron a oportunidade que terá o público de ver ao vivo a unha estrela do nivel do gañador da última edición do Tour de Francia, o danés do Team Jumbo-Visma Jonas Vingegaard.

O vixente e primeiro campión da carreira galega é Alejandro Valverde, ciclista murciano que acaba de retirarse do circuíto profesional e que deixou a súa pegada como gañador na terceira e tamén etapa raíña da edición deste ano 2022, que discorreu entre Maceda e Luíntra "nunha xornada decisiva e espectacular pola Ribeira Sacra, tanto no deportivo como no paisaxístico", asegurou Ezequiel Mosquera.

O que fora subcampión da Vuelta Ciclista a España tamén asegurou, nun acto desenvolto no Patio Termal da Deputación coa asistencia do presidente do Goberno Provincial, Manuel Baltar; o embaixador da proba, Óscar Pereiro; e o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, que apostaron por "non modificar unha etapa que xa estaba deseñada antes dos lumes".

Comentarios