Un estudo da FIFA sitúa o Celta entre as 10 equipas das grandes ligas europeas con máis canteiráns

O 'CIES Football Observatory' sitúa ao equipo celeste como o oitavo entre os que compiten nas 5 principais ligas europeas na clasificación dos que teñen maior porcentaxe de xogadores formados na canteira.

Celta

O Celta figura nos 10 primeiros postos dunha clasificación de fútbol europeo elaborado por un organismo da FIFA, o CIES Football Observatory. Un posto que lle debe aos resultados da súa política de aposta pola canteira, proxecto que os celestes activaron con visión de futuro e permanencia e que dá xa os seus resultados. Un exemplo? A selección española sub-19 convocara a finais de 2013 a catro xogadores do Celta para xogar contra Chequia.

Mais esa presenza da canteira galega vén de ser reflectida no informe anual da CIES, un proxecto conxunto creado en 2005, que ten sede en Suíza e no que suman esforzos a FIFA e a Universidade de Newchâtel. No apartado destinado a analizar a presencia de xogadores formados polo propio clubs nos equipos das ligas española, inglesa, alemá, francesa e italiana; o Celta ocupa un lugar destacado.

Entre o Barça e o Arsenal

Así, na táboa que recolle os 10 equipos desas cinco competicións con maior peso dos xogadores da canteira en 2013, o Celta figura no oitavo posto: Un 38,5% dos seus xogadores están creados na casa celeste. O primeiro posto desta clasificación corresponde ao Barça (65%), seguido do Athletic de Bilbao (60%) e a Real Sociedade (57,7% dos xogadores veñen de canteira).

A lista continúa con equipos como o francés Lyon e o bretón Rennes até chegar ao Celta, que vai por diante en peso de xogadores da casa de clubs como o Arsenal (décimo nesta lista, co 32,3%).

Importancia

O figurar nesta clasificación non é desdeñábel, polo que supón de que o informe anual do CIES móvese por clubs e medios deportivos europeos. Este proxecto, ademais de anuarios estatísticos, tamén se centra en diferentes eidos sempre no mundo do deporte, desde a consultoría ao asesoramento.

Comentarios