Un estudo conclúe que a incidencia da Covid-19 é "inferior" entre a poboación que practica deporte

Diversos organismos e entidades galegas uniron forzas para desenvolver unha investigación que ten como obxectivo estudar o impacto da Covid-19 no eido do deporte federado, e que nos seus resultados preliminares reflicte unha incidencia menor da enfermidade entre as persoas que practican deporte.
Jorge Suanzes, José Ramón Lete Lasa, Rocío Seixo, Luis Verde e Javier Rico, durante a presentación no CHUAC. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Jorge Suanzes, José Ramón Lete Lasa, Rocío Seixo, Luis Verde e Javier Rico, durante a presentación no CHUAC. (Foto: Xunta da Galiza).

A Consellaría de Sanidade presentou nun acto desenvolvido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) os resultados preliminares dun estudo sobre a incidencia da Covid-19 no ámbito do deporte federado galego que evidencia como conclusión principal o feito de que "é inferior que na poboación xeral".

A cita pertence a Rocío Seixo Bestilleiro, enfermeira do CHUAC,  responsábel da área de investigación en Saúde Poboacional e Coidados Sanitarios do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e promotora deste estudo desenvolvido conxuntamente coas investigadoras Jorge Suanzes Hernández e Sonia Pértega Díaz, pertencentes á Unidade de Apoio á Investigación do CHUAC-Inibic; Javier Rico Díaz, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta da Galiza; María José Pereira, a xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC; e o conxunto do Grupo de investigación, Aprendizaxe e Control do movemento humano en Actividade Física e Deporte da Universidade da Coruña (UDC), no que participan Rafael Martín Acero, Joaquín Gómez Varela e Dan Río Rodríguez. 

"As cifras de incidencia da Covid-19 no ámbito da investigación reflicten unha curva paralela nas mesmas datas e rangos de idade estudados, pero cunha incidencia menor", engade Rocío Seixo, quen conclúe que os datos levan a pensar "que tanto o uso de máscara como a realización de tests cada 14 días son medidas eficaces para previr e detectar casos de coronavirus e que, polo tanto, queda avalada a seguridade da práctica deportiva tanto federada como extraescolar, que se leva a cabo coa máscara".

Seixo tamén salientou, pondo o foco na disciplina máis practicada na Galiza, o fútbol, onde "53,1% dos positivos detéctanse tras a realización de tests de antíxenos en deportistas asintomáticas", ademais de congratularse de que os gromos detectados "apenas afectan 0,2% dos equipos", revelando como as actividades que implican máis risco de contaxio "o uso de transporte compartido nos desprazamentos ou o uso de vestiarios sen máscara".

180.000 casos de estudo

Esta investigación abrangueu máis de 180.000 licenzas deportivas federadas, das que 85.500 corresponden a persoas que na actualidade teñen entre 4 e 17 anos, o que supón que neste estudo está presente 27,6% da poboación infanto-xuvenil que practica algún dos deportes incluídos nun estudo que no futuro permitirá "valorar en todo momento a posibilidade de contaxio da Covid-19 ao longo da actividade deportiva".

As consecuencias "indirectas" da pandemia que poden agravar a Covid-19

Durante a presentación do estudo, as expertas tamén incidiron nas consecuencias "indirectas" da pandemia da Covid-19, como poden ser a obesidade e as enfermidades cardiovasculares, "factores de risco para o coronavirus", como afirmou o investigador Jorge Suanzes.

A limitación da práctica deportiva como consecuencia da pandemia, en especial na poboación infantil e xuvenil, pode chegar a ter "importantes repercusións na saúde física e emocional, mais fica sen documentarse até o momento a incidencia real do SARS-CoV-2 neste ámbito", engadiu. Non obstante, fixo fincapé en que "hai evidencia concluínte de que a actividade física frecuente mellora substancialmente a forma física e o estado anímico das crianzas". 

Comentarios