O Estremadura fai folga e o Dépor queda sen rival

Primeiro gran conflito no que vai de tempada na Primeira RFEF. O encontro entre o Real Club Deportivo e o Estremadura da décimo segunda xornada ligueira non se disputará, logo de que o cadro de xogadores do rival dos galegos anunciase que nin sequera viaxarán até A Coruña por levar a cabo unha folga.
A escuadra estremeña está dirixida polo galego Manuel Mosquera. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escuadra estremeña está dirixida polo galego Manuel Mosquera. (Foto: Nós Diario).

O fútbol español volve dar unha mostra da fonda crise na que está instalado. O cadro de xogadores do Estremadura Unión Deportiva, equipo que milita na Primeira RFEF e rival do Real Club Deportivo esta xornada, non viaxará a Riazor para disputar o partido a causa "do grave e reiterado impago" que están sufrindo os futbolistas.

Así o comunicaron tanto o capitán azulgrana, Kike Márquez, como o sindicato maioritario no sector, AFE, que avanzaron que a folga que iniciaron nesta sexta feira non só se limita á presente xornada, senón que tampouco disputarán a vindeira.

Iso significa, ademais da vitoria por 3-0 da escuadra galega por incomparecencia, que os Estremeños perderán tres dos 12 puntos que sumaron até o de agora. Ademais, se consuman a súa intención de non disputar tampouco o choque da próxima semana -ante o fechacancelas Calahorra-, o equipo sería automaticamente expulsado da competición, tal e como sinala o artigo 77 do Código Disciplinario da Federación, o que significa que todos os partidos que lles queden por disputar se lles darán por perdidos por un resultado de un gol a cero.

Celta B e Rácing de Ferrol, contra rivais da zona baixa

Con respecto aos outros dous representantes da Galiza na categoría de bronce, Celta B e Rácing de Ferrol, estes afrontan senllos compromisos contra rivais da zona baixa da táboa.

Empatados a 15 puntos na undécima e a décima posición, respectivamente, un triunfo nesta fin de semana achegaría a ambos á zona de play-off, que agora mesmo fecha a Unión Deportiva Logroñés con 20 puntos.

Así, os celestes reciben na casa (domingo, 12 horas) outro conxunto filial, o Valladolid B, antepenúltimo clasificado. Será complicado, pero os de Onésimo agardan ser quen de repetir o papel do seu último choque, no pasado mes de abril, cando superaron os pucelanos por cinco tantos a cero. 

Pola súa banda, os Diaños Verdes tamén xogan o domingo, aínda que no seu caso ás 17 horas, cando saltaran ao céspede do Municipal do Prado, en Talavera. Ante unha das escuadras que máis mostras de debilidade defensiva exhibiron no que vai campionato os ferroláns teñen a oportunidade de seguir demostrando porque son -xunto con Deportivo, Raio Maxadahonda e Real Unión de Irún- o mellor visitante do campionato. 

O Lugo non pode permitirse o luxo doutro tropezo

A xornada 16 da Segunda División podería determinar o futuro inmediato do Club Deportivo Lugo, pois, inmerso na súa primeira crise da tempada logo de non ser quen de gañar desde o 20 de outubro e tras perder os seus últimos dous partidos, colisiona este domingo ás 14 horas cun rival directo na loita por evitar o descenso, o Amorebieta.

Os vascos, penúltimos están a tan só tres puntos dos galegos, polo que unha derrota agravaría a situación de incerteza nas que parecen instalados os de Albés.

Para evitala, un dos futbolistas máis en forma do Lugo, o dianteiro José Ángel Carrillo, manifestou que tanto el como os seus compañeiros deben volver a ser o que eran, é dicir, "un equipo ordenado é difícil". "Este grupo fixo cousas moi positivas, pero temos que corrixir eses erros que nos están custando puntos nos momentos máis difíciles, para iso traballamos, e estamos preparados para afrontar o próximo desafío con garantías", engadiu o máximo goleador lucense.

Ademais, de cara ao vital encontro no Municipal de Urritxe podería regresar o xogador máis en forma dos albivermellos, Gerard Valentín, así como outros que permaneceron mancados nestas últimas datas, como Campabadal, Alberto Rodríguez, Manu Barreiro, Ros, Canella e Hugo Rama.

Comentarios