As 'estreleiras' só se poderían prohibir nos estadios, en todo caso, en partidos declarados de alto risco

O Valedor do Pobo elaborou unhas recomendacións tras recibir centos de queixas pola prohibición de acceder a determinados estadios de fútbol con bandeiras nacionalistas galegas. As recomendacións remitiullas ao Defensor del Pueblo para que dea traslado ao Ministerio do Interior.

Bandeiras nen Balaídos
photo_camera Bandeiras nen Balaídos

Non hai motivos que xustifiquen a prohibición de acceder a un recinto ou estadio deportivo cunha bandeira nacionalista galega. Isto é o que se desprende das recomendacións elaboradas polo Valedor do Pobo e que vén de remitir ao Defensor del Pueblo, que é quen ten competencia para trasladarllos ao Ministerio de Interior.

Nestas recomendacións, sinalan desde o Movemento polos Dereitos Civís (que entregou hai uns meses ao Valedor máis de 200 queixas polo veto ás bandeiras nacionalistas en estadios de fútbol), indícase que as forzas de seguridade só poderían prohibir esa bandeira en partidos declarados de alto risco pola Comisión Antiviolencia. E, aínda neses casos, habería que ter sospeitas fundadas de que a exhibición desas bandeiras provocaría violencia.

Opinión que choca coa expresada polo goberno español que, en resposta parlamentar, sinalaba que se prohibía o acceso con estas bandeiras porque incitaban á violencia, sen máis.

Casos excepcionais

A realidade é que o veto a bandeiras nacionalistas galegas en estadios de fútbol desenvolveuse en encontros que non foron declarados de alto risco, coma o Depor-Valladolid e o Atlético de Madrid-Celta da temporada pasada, por citar só dous casos.

Dase o paradoxo de que, en base a esta apreciación do Valedor, a bandeira nacionalista podería ser prohibida nun Celta-Depor, encontros que son declarados habitualmente de alto risco; malia que as dúas afeccións lucen esta enseña.

Comentarios