Estrela Vermelha e Irmandinhas conquistan a Copa galega de fútbol gaélico

As equipas compostelá -na categoría masculina- e estradense -na feminina- ergueron a copa galega de fútbol gaélico, cuxa segunda edición se disputou en Teo nesta fin de semana.

fútbol gaélico

O compostelán Estrela Vermelha conquistou esta fin de semana en Teo a copa galega de fútbol gaélico en categoría masculina, após vencer na final aos Irmandinhos por un contundente 20-8. A equipa picheleira asina un novo ‘dobrete’ esta temporada (liga e copa) e coa súa vitoria en Teo mantén pleno de copas: gañou 2 de 2 disputadas. Os Irmandinhos, pola súa parte, poñen o ramo a unha gran temporada: sub-campións de copa, 3º na Liga Galega e 2º na Liga Ibérica.

Nun principio ían competir 10 combos masculinos nesta II edición da copa, desde veteranos como Fillos de Breogán e Estrela Vermella até os máis novos, como o Dorna da Illa de Arousa. As semifinais enfrontaron ao Estrela Vermelha co Pontevedra e aos Fillos de Breogán cos Irmandinhos.

Na categoría feminina a vitoria foi para as Irmandinhas, que se impuxeron ao Estrela Vermelha (29-20). Nas semifinais enfrontáronse Irmandinhas e Fillas, mentres que as do Estrela Vermelha competiron co combinado Mecas/Auriense.

Unha nova cita, logo, do fútbol gaélico no que confirman o pulo deste deporte no noso país e que tivo o seu broche de ouro no terceiro tempo que decorreu na Casa do Patín, á beira do río Sarela, en Compostela.

Comentarios