GARITANO SERÁ O NOVO ADESTRADOR DO DÉPOR

O estilo de Gaizka

O ex-adestrador de Eibar e Real Valladolid será o substituto de Víctor Sánchez del Amo no banco do Deportivo da Coruña. Gaizka Garitano destacou como adestrador na súa etapa no Eibar na que conseguiu levar o clube de Segunda B a Primeira División.

w_900x700_27235501_apa8160
photo_camera Garitano recibindo o premio a mellor adestrador da segunda división 2013-14. Foto: La Liga

O novo adestrador do R.C. Deportivo chega cunha carta de presentación contraditoria. Capaz do mellor e do peor e cunha experiencia moi similar á de Víctor na última metade desta tempada. Gaizka Garitano conseguiu un fito case inacadábel para a Sociedade Deportiva Eibar, levándoos desde a categoría de bronce até enfrontarse cara a cara cos mellores equipos do mundo.

Gañou a liga de Segunda División cun presuposto de tan só 4.000.000 de euros

En menos de dous anos, pasou de ascender no Hospitalet de Llobregat a rematar oitavo a primeira volta na Primeira División, após ter dado unha maiúscula sorpresa en Segunda, ascendendo cun orzamento de tan só 4.000.000 de euros e facéndose co título. Mais as cousas torcéronse e, no segundo tramo do campionato, o seu Eibar caiu a postos de descenso, rematando a liga en décima oitava posición e salvándose grazas ao descenso administrativo do Elche C.F. Despois do final abrupto, Garitano decidiu apresentar a súa demisión e, posteriormente, iniciar unha nova etapa no Valladolid, onde ás 9 xornadas, con tan só 9 puntos no casilleiro e en postos de descenso, foi cesado pola xunta directiva.

Vexamos que pode ofrecer este vasco na Coruña

Da gloria ao esquecemento, Garitano vive nos extremos. Un auxe desbocado e efémero precedeu á caída en picado. Mais analicemos o auxe e vexamos que pode ofrecer este vasco na Coruña:

Garitano propón un fútbol combinativo nos escenarios habituais. Busca o dominio do xogo, mais é consciente das limitacións dos seus equipos e súpleas con centros e xogo directo. A fortaleza do seu Eibar en Segunda División foron unha defensa férrea e o seu estadio, Ipurúa, cunhas dimensións reducidas que facían sufrir aos rivais na elaboración do xogo. Na tempada 2013-14, o Eibar gañou a liga, non en van por diante do Deportivo, con 71 puntos e só 28 goles na súa contra. Na seguinte tempada, en Primeira División, os de Garitano comezaron dun xeito excelente, aproveitando ao máximo as súas potencialidades, mais a falla de gol lastrou o conxunto levándoo a unha crise de resultados. O aporte ofensivo de Arruabarrena e Manu del Moral facíase escaso e a boa defensa formada por Raúl Navas e Albentosa viuse moi afectada coa marcha deste último no mercado de inverno.

Con todo, Garitano non se afasta moito do estilo que luciu o Depor esta tempada. Un xogo combinativo, mais práctico que dependerá moito da plantilla que consigan formar os coruñeses este verán.

Polémica

No seo da afección coruñesa seguen a se recordar unhas declaracións de Garitano nunha entrevista nas que se referiu á lei concursal do Deportivo como unha trampa que situaba o seu equipo en desvantaxe e que iso adulteraba a competición. Garitano non se caracteriza por ser políticamente correcto e isto fixo que estivese, tamén, no punto de mira após de criticar o xogo duro do Atlético de Madrid nun entreno cos seus xogadores do Eibar. Para ben ou para mal, de seguro que Garitano dará que falar.

Comentarios