Estes son os rivais dos nove equipos galegos que compiten na Copa do Rei

Celta, Lugo, Deportivo, Racing de Ferrol, Pontevedra, Coruxo, Ourense, Arenteiro e Barbadás son a representación do país na competición.
O Celta caeu o pasado curso fronte ao Atlético Baleares. (Foto: RC Celta)
photo_camera O Celta caeu o pasado curso fronte ao Atlético Baleares. (Foto: RC Celta)

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) sorteou na mañá desta segunda feira os enfrontamentos na primeira rolda eliminatoria da Copa do Rei 2022-23, torneo no que participan nove equipos galegos.

O representante do país na Primeira División, o Real Club Celta, visitará o CD Algar, que actualmente xoga na Preferente de Murcia. Na Segunda División, o CD Lugo terá diante o histórico Arenas Club de Getxo, gañador da Copa en 1919 e actualmente militando na Segunda RFEF.

Pasando á categoría de bronce, o rival do Real Club Deportivo será o CD Guijuelo, actualmente en Segunda RFEF, mentres o Racing de Ferrol viaxará tamén a Euskadi para enfrontarse ao Sestao River, da mesma categoría que Arenas e Guijuelo.

Pola súa parte, e rematando coa Primeira RFEF —a bóla do Celta B non saíu no sorteo dado que non está permitido que os filiais compitan nesta competición—, o Pontevedra loitará polo pase á seguinte rolda co Manresa catalán.

Un chanzo por abaixo, na Segunda RFEF, participan na Copa deste ano o Ourense CF, que se enfrontará ao Alcorcón —de 1ª RFEF—; o Coruxo, que terá diante o Eldense —ídem—, e o Arenteiro, ao que lle tocou un 'Primeira', a UD Almería. Tamén terá un rival do máis alto nivel a UD Barbadás, actualmente na Preferente galega, que se medirá ao Real Valladolid.

Estes catro serán os únicos equipos da Galiza que xogarán na casa a primeira rolda, o resto farano a domicilio. A eliminatoria terá lugar na fin de semana do 12 e 13 de novembro, co horario aínda por concretar, aproveitando o paro polo Mundial de Qatar.

Comentarios