Estefanía Cabarcos: "Fíxenme elite malia este ano ter moitas lesións"

Estefanía Cabarcos (Rocasport Giant) conseguiu o mellor tempo esta fin de semana no Campionato galego de Descenso no Bike Park de Manzaneda, proclamándose campioa de elite. Os seus problemas de saúde non impediron que rematase con este título unha difícil tempada marcada polas lesións. No seu traballo agradece tamén o que realiza o seu club que forma deportistas desde categorías inferiores.
A deportista Estefanía Cabarcos este ano en Manzaneda (Foto: Yaiza FP).
photo_camera A deportista Estefanía Cabarcos este ano en Manzaneda (Foto: Yaiza FP).

—Está satisfeita coa súa actuación no Bike Park de Manzaneda?
Estou moi contenta. Aínda que xa levo uns anos correndo é a primeira vez que me proclamo campioa galega. Nas últimas tempadas estiven na categoría Máster 30, mais como somos poucas rapazas fíxenme desta vez elite, conseguindo a categoría absoluta de mulleres.

—En todo caso non sería moi  doado facer o mellor tempo e había outras deportistas con posibilidades.
Non o foi. O circuíto estaba moi delicado ao atoparse moi seco nesta época. Había moita xente baixando e rompeu moito. Aínda que non é un percorrido moi exixente tecnicamente estaba nunhas condicións como para trabucarse e había que correr con moita concentración.

Este ano foi moi complicado para min ao ter moitas lesións e non tiven a posibilidade de coller moito a bicicleta como outros anos. Non as tiña todas comigo a nivel físico. Aínda así aguantei e din todo o que tiña e, desde logo, moi contenta co tempo e co resultado final. 

—Daquela, non houbo unha preparación previa con normalidade?
Non a houbo. Este ano case fun de carreira en carreira e sen tempo útil para adestrar. De outubro até xaneiro estiven coa clavícula mal. E de xaneiro até abril padecín unha man rota. Despois fixen dúas carreiras en Portugal e aínda estaba "tocada". Tamén fun coa selección galega ao Campionato de España, aínda que tampouco estaba en moi boas condicións físicas. Tiven varias caídas polo que aínda empeorei máis.

Foi un ano moi complicado polo que non houbo moitas posibilidades de prepararme enriba da bicicleta. Por ese motivo estaba algo nerviosa ao principio en Manzaneda, non tiña a mesma confianza que noutras ocasións.     

—A situación meteorolóxica marcou a carreira?
Desde logo. En novembro, cando foi a primeira carreira en Manzaneda, ao final tiveron que mudar a data polas condicións meterolóxicas adversas. Daquela había que estar pendente do tempo e neste caso foi pola calor extrema. 

—Hai unha preparación específica en relación á bicicleta nestes casos? 
Pódense cambiar as cubertas para que agarren máis e dependendo se hai lama no chan ou hai terra seca. Tamén miramos a presións dos pneumáticos. 

—Cales son os plans futuros?
Carreiras hai. Teño en mente os circuítos urbanos, como o de Sarria ou o Marisquiño en Vigo, que me gustan moito, e algún máis. En todo caso coido que vou ir pouco a pouco. Se imos de carreira en carreira e non temos tempo para gozalo... non se pasa tan ben. 

—Debería contar con máis apoio este deporte de cara a poder medrar?
A verdade é que si. Eu teño a sorte de que podo dedicar unha parte do meu diñeiro a ter esas bicicletas e contar co seu mantemento. Despois hai que ter en conta os desprazamentos e aloxamentos. Hai xente máis nova que non ten esa posibilidade. O descenso non está no seu mellor momento e mesmo quedei sorprendida que se dera premio en metálico desta vez. 

—A situación é diferente noutros países?
É moi diferente. Teño asistido a probas europeas e non é igual. Un exemplo témolo en Portugal onde a situación deste deporte está moito mellor. Contan con moitas axudas e as carreiras están moi ben montadas. 

Comentarios