Laura Abelleira, capitá da Selección Galega de Fútbol Gaélico.

“Estamos mellor que o ano pasado e o obxectivo ten que ser gañar”

A selección feminina prepara os GAA World Games coa final de Croke Park no punto de mira.

Laura Abelleira (abaixo á esquerda) posando coa seleción. Cedida
photo_camera Laura Abelleira (abaixo á esquerda) antes dun partido coa seleción. Cedida

O Mundial de Fútbol Gaélico xa peta nas nosas portas. Este domingo día 7 terá lugar a apertura oficial dos GAA World Games no mítico estadio irlandés de Croke Park (en irlandés: Páirc an Chrócaigh). Dublín acollerá a 1,700 futbolistas gaélicos, xogadores de hurley e camogie de 10 diferentes rexións arredor do mundo. As fases de grupos xogaranse nos campos da universidade dublinesa, reservando Croke Park para a final.

Galiza terá as dúas seleccións oficiais neste torneo que festexa os 100 anos de independencia irlandesa. As nosas gaélicas culminan a súa preparación coa ilusión de poder loitar pola vitoria, nun ano no que o nivel da nosa liga subiu exponencialmente. A capitá, Laura Abelleira, despuntou este ano no conxunto Fillas de Breogán, gañando Champions League, Copa AGFG (Asociación Galega de Fútbol Gaélico); Liga Galega e Campionato Ibérico. Agora, espera que os éxitos continúen co equipo nacional.

Comezas o Mundial despois dun ano case perfecto coas Fillas de Breogán…

Este ano foi unha pasada porque o gañamos todo excepto unha das copas, que perdemos na final contra Irmandiños.  Despois no Paneuropeo xogamos a final contra Bélxica, pero perdemos. Foi incrible, sobre todo o último Campionato Ibérico, que é a primeira vez na historia que o gaña un equipo galego. Gañámolo contra Madrid e chegando como chegamos. Xustiñas de xente e con varias lesionadas. A maiores, no primeiro partido lesionáronse dúas, co cal, foi aínda máis meritorio.

Unhas lesións que obrigaron a que se disputaran o resto de partidos con menos xogadoras de campo…

Á final chegamos xustas porque íamos só con dous cambios e con estas dúas lesións cambiouse o formato para xogar de 7 e non de 9. O problema é que é un campo grande e fíxose duro, pero así deu máis gusto ao final.

“O obxectivo ten que ser gañar, pero hai que ser realistas. Non temos referencias”

Este grande nivel que deron as Fillas este ano é un dos factores que lle aportan a esta selección galega opcións, mesmo, de gañar o torneo. Que obxectivo vos marcades?

O nivel da competición subiu, en xeral. Nós subimos e o resto de equipos tamén o fixeron. Pontevedra estivo moito mellor, por exemplo. Isto obrígache a xogar mellor e o certo é que nos melloramos moito e notouse un cambio brutal. En canto ao Mundial, o obxectivo sempre é gañar, pero como é un deporte tan novo non temos moitas referencias sobre o resto de equipos, salvando os europeos. A competición será a que poña a cada un no seu sitio. Estamos mellor que o ano pasado e o obxectivo ten que ser gañar, pero hai que ser realistas: Non temos referencias para marcarnos partidos que teñamos que vencer por sermos superiores.

O nivel da competición vai ser unha incógnita e é que non tivestes a oportunidade de xogar contra ningunha das outras seleccións…

Claro, non sabes o que vai vir. Pensamos que Canadá e Nova Iork, como son lugares onde hai moitas irlandesas e teñen moita tradición, deberían ter bo nivel. Ademais Canadá foi a campioa do ano pasado. Pero é imposíbel sabelo. Nós, ademais, temos catro baixas e son xogadoras moi importantes. As últimas en caerse da convocatoria foron Ana e Candela, de Irmandiñas. O nivel é un interrogante a estas alturas.

Este Mundial organízase no marco da celebración do centenario da independencia de Irlanda, centro neurálxico dos deportes gaélicos e vai haber moita expectación neste torneo. Pode ser un punto de partida para que o fútbol gaélico comece a mobilizar máis afección?

Eu penso que pode selo. Xa o ano pasado tivo bastante repercusión o Mundial de Abu Dhabi e cada ano vai crecendo un montón. Dun ano para outro naceron dous equipos femininos máis, por exemplo, e ademais o nivel non para de subir. Con isto, vai virando cada vez un deporte máis atractivo, xa que é un deporte moi bonito.

"Somos conscientes de que será duro, pero non imposíbel"

Dende logo si que vai crecer, só precisa un pouco de repercusión mediática e un chisco de axuda das institucións, porque este deporte chama moito a atención.

Vai afectar este gran ambiente tamén aos partidos? Sobre todo, aos que se disputen en Croke Park onde collen 82.000 persoas.

Eu supoño que afectará, sobre todo a nós que temos un equipo moi xove. Mais pode facelo para ben e para mal. A xente pode hiper-motivarse e xogar espectacular ou todo o contrario. Esperemos que sexa polo lado positivo.

Xogaredes até tres partidos nun día. Ides notar negativamente ese esforzo ou estades acostumadas?

Levamos adestrando, practicamente, todo o ano. Dende o partido ante Irlanda a finais do outono até agora estivemos adestrando cada certo tempo e nos últimos tres meses fixémolo de dúas a tres veces por semana coa selección, ademais dos adestramentos de cada club. Polo tanto, a xente está en moito mellor estado físico que ao principio. Aínda así vaise notar un montón, porque aínda que os partidos son máis curtos do habitual (20 minutos na primeira fase de grupos, 25 na segunda e 30 na final), van ser moi intensos e rápidos, nun campo xigante, de maior extensión que os de fútbol. Imos sufrir, pero os demais equipos tamén o farán. En Abu Dhabi foi similar, polo que somos conscientes de que será duro, pero non imposíbel.

Comentarios