A era de Luís César no Lugo chega á súa fin

Saqués cesa o galego e soa o arxentino Ricardo Caruso
O técnico de Vilagarcía é o terceiro que despide o presidente do Lugo durante esta tempada, logo de Juanfran e Mehdi Nafti. (Foto: Europa Press).
photo_camera O técnico de Vilagarcía é o terceiro que despide o presidente do Lugo durante esta tempada, logo de Juanfran e Mehdi Nafti. (Foto: Europa Press).

Segundas partes nunca foron boas. E no caso de Luís César no Club Deportivo Lugo, habería que engadir que non poderían ser peores. O regreso do home que lograra a mellor clasificación histórica dos albivermellos, un noveno posto na categoría de prata durante a tempada 2016/17, finalizou abruptamente mes e medio despois da súa incorporación, tempo no que tan só foi quen de sumar un total de tres puntos sobre 24 posíbeis.

O conxunto lucense oficializou a noticia durante a xornada de hoxe, máis o técnico de Vilagarcía levaba sentenciado desde o sábado, cando perdeu na casa por 1-3 ante un rival directo na loita pola salvación como é o Alcorcón e, a consecuencia deste resultado, caeu nos postos de descenso por primeira vez desde o mes de outubro.

Conclúe así unha era que tan só se prolongou durante oito encontros, e agora só queda saber quen será o escollido por Saqués para ser o cuarto técnico albivermello esta tempada. No momento de fechamento desta edición, o mellor colocado era o arxentino Ricardo Caruso Lombardi.  

O Celta suma outro punto cara á salvación 

Nun partido, cando ningún dos dous equipos quere perder, o normal é que empaten, e iso é o que pasou nun Cádiz-Celta (0-0) que achega ambos os dous conxuntos un pouco máis ao seu común obxectivo da permanencia.

Se ben é certo que o Celta foi quen máis intentos de aproximación á portaría contraria realizou, 0 4-4-2 dos gaditanos tornou nunha sólida muralla que contivo sen problemas os tímidos achegamentos duns celestes que tiveron a Hugo Mallo como gran protagonista.

O capitán non só se converteu no segundo futbolista que vestiu un máis ocasións a elástica do Real Club Celta de Vigo desde a súa fundación, en 1923, senón que estivo a piques de marcar de fermoso testarazo o gol da vitoria cando apenas faltaban un par de minutos para o final do encontro e viu como o colexiado anulaba, moi rigorosamente, un tanto na primeira metade. 

Gran xornada dos galegos na Segunda División B 

Nin un só dos seis representantes do país na categoría de bronce coñeceu a derrota esta fin de semana, e todos eles están un pouco máis preto de conseguir os seus obxectivos.

Así, o filial celeste logrou un meritorio empate (1-1) ante o intratábel líder do grupo polo ascenso á Segunda División, o Burgos, polo que as súas aspiracións de finalizar nas posicións que dan acceso a disputar o play-off continúan intactas.

Con respecto aos que loitan por estar a vindeira tempada na Primeira RFEF, o Deportivo superou o Numancia por 2-1 e o Rácing fixo o propio co Marino (2-0) e ocupan a cabeza do grupo 1-D. Lamentabelmente, o Compostela non puido certificar o pleno galego ante o Langreo (1-1) a causa dunha polémica decisión arbitral, que sinalou un penalti favorábel aos asturianos materializado por Allyson no último segundo de partido.

No grupo por eludir o descenso a Terceira, o Coruxo logrou un gran triunfo ante o filial do Oviedo (4-0) e escala até a segunda posición, só por detrás dun Pontevedra que finalizou o seu compromiso co Lealtad de Villaviciosa con 0-0.

Comentarios