xoves 01/10/20

Os equipos galegos de fútbol marxinan a lingua nas súas redes

A situación resulta tan escandalosa que xa foron máis dun e dunha seareira os que criticaron esta anomalía nos perfís oficiais dos clubes.
Captura dun chío en castelán do perfil oficial de Twitter do Real Club Deportivo. (Foto: Nós Diario).
Captura dun chío en castelán do perfil oficial de Twitter do Real Club Deportivo. (Foto: Nós Diario).

O fútbol, guste ou non, é unha das ferramentas de construción nacional máis potentes que existen a día de hoxe. Moitas persoas, aquelas para as que o deporte da pelota segue sendo tan só iso, un deporte, asisten atónitas aos chamamentos dos e das seareiras aos clubes dos seus amores nas distintas redes sociais para que abran canto antes as campañas de abonados para darlles os seus cartos. Á maioría non lles importa saber cando ou a cantos partidos poderán asistir. Iso é o de menos. 

Porque hai xente que vive por e para o fútbol. De feito -moita menos-, pero tamén a hai disposta a matar por el, como sucedeu na coñecida como "Guerra do fútbol" entre O Salvador e Honduras, cruamente retratada por Ryszard Kapuscinski nun clásico contemporáneo da literatura universal do mesmo nome.

Aquí na Galiza non chegamos a empuñar os fusís, afortunadamente, pero o deporte rei arrastra centos de miles de apaixonadas masas que respiran fútbol. Non obstante, hai un eido no que a afección e os principais equipos do país non parecen bogar na mesma dirección: o lingüístico.

A pesar de que todos eles levan ou levaron as cores galegas na súa camisola en forma de pequena bandeira no brazalete de capitán, nas costas ou mesmo sobre o peito -como acontece coa xa tradicional segunda equipa do Real Club Deportivo coa franxa azul sobre fondo branco, que incluso no pasado chegou a reflectir a letra do himno galego para conformala-, a lingua galega está lonxe de ser a principal na súa comunicación cos seareiros e seareiras por parte de Celta e Dépor, mais é de xustiza destacar a honrosa excepción que representa o Clube Deportivo Lugo.

Trilingüismo pouco harmónico na internet

O caso do Dépor é o peor. No momento de escribir estas liñas, nin unha soa das súas publicacións máis recentes en Facebook e Twitter estaban redactadas en galego, todas en castelán. A situación resulta tan escandalosa que xa foron máis dun e dunha seareira os que criticaron esta anomalía nos perfís oficiais do conxunto herculino, sen obter resposta.

Isto únese á eterna demanda da afección branquiazul, insatisfeita polas sucesivas directivas que foron pasando pola praza de Pontevedra, en relación á eliminación do topónimo deturpado Real Club Deportivo "de La Coruña"

Por outra banda, a web do Deportivo carga por defecto en lingua castelá, aínda que conta con versións en galego e inglés,  unha situación análoga á que acontece co portal oficial do seu veciño do sur, o Real Club Celta.

Non obstante, os vigueses si que empregan o galego nos seus perfís nas redes sociais. Quizais non maioritariamente, pero sí nunha sorte de "trilingüismo harmónico" no que tamén hai espazo para o inglés.

En Twitter, das súas últimas dez publicacións, cinco estaban redactadas en galego, catro en castelán e unha en inglés, mentres que en Facebook existía un equilibrio moi semellante, con cinco publicacións en castelán, catro en galego e outra na lingua de Shakespeare.

Quen si representa un exemplo a este respecto é o único representante galego na Segunda División, o Club Deportivo Lugo. Os Albivermellos, con excepcións moi puntuais como transcricións literais en castelán de declaracións de futbolistas ou técnicos de fóra, empregan o idioma galego de forma absolutamente maioritaria.

comentarios