Os equipos galegos buscan continuar gañando

As escuadras galegas na Primeira e Segunda queren prorrogar os bos resultados da anterior xornada. Así, celestes e albivermellos aspiran a dar a sorpresa ante dous 'xigantes' como Sevilla e Girona, respectivamente. Na Primeira RFEF, pola súa banda, Dépor, Rácing e Celta B loitarán por manterse na zona nobre.
O duelo do Deportivo no campo do Dux será un esixente test antes da súa visita ao -previsibelmente- xélido Ruta da Prata de Zamora. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O duelo do Deportivo no campo do Dux será un esixente test antes da súa visita ao -previsibelmente- xélido Ruta da Prata de Zamora. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol non dá tregua, e o sempre comprimido calendario  obriga a que Celta e Lugo, sen apenas descanso logo dos seus esixentes compromisos intersemanais nos que superaron dous rivais de nivel como Osasuna e Almería, respectivamente, volvan entrar en acción tan cedo como esta mesma fin de semana.

O conxunto celeste afronta un desafío de gran magnitude, pois visita a casa do Sevilla (hoxe, 18.30 horas), segundo clasificado do campionato e o único que parece ser quen de seguir -aínda que de lonxe- o ritmo que está imprimindo o intratábel Real Madrid. Este choque, xa de por si complicado, chega cos hispalenses enrabietados logo de deixarse dous puntos ante o Valencia e da polémica no derbi andaluz ante o Betis nunha Copa da que foron eliminados tras perder tras o descanso dun partido inicialmente suspendido despois de que Jordán recibise o impacto dun obxecto lanzado desde as bancadas verdibrancas.

Outro dato que xoga en contra das aspiracións do Celta é a historia, pois tan só foi quen de gañar en 10 das súas 58 visitas ao Sánchez Pizjuán, a última delas na tempada 2015/16 (1-2 con tantos de Nolito e Daniel Wass). Non obstante, e como di un Aspas que defendeu a camiseta do Sevilla hai sete anos, "o equipo merece máis puntos dos que ten", e con ese optimismo por bandeira agarda "volver á casa cos tres puntos".

O 'mataxigantes' de Segunda, a polo Girona

Empates con Eibar e Tenerife, vitoria ante o líder Almería... o Club Deportivo Lugo, ademais de 'rei do empate', estase facendo acredor do título de 'mataxigantes' da Segunda División, e o seu novo reto é un Girona (mañá, 18.15 horas) que fecha os postos de play-off de ascenso con 37 puntos e ao que xa superou na primeira volta (1-0). Aquel partido decidiuno un solitario tanto de Manu Barreiro no minuto 86, un home que precisamente foi o autor do gol que lle deu os tres puntos aos albivermellos contra o Almería.  

Nesta ocasión o Lugo non terá o seu favor o sempre importante factor campo, e tal e como destacou o rival Samu Saiz, agardan resarcirse da derrota nun encontro que, pensa, mereceron "polo menos empatar". 

Obxectivo na Primeira RFEF: copar a cabeza

Na terceira división do fútbol estatal, coñecida como Primeira RFEF, a Galiza conta con tres representantes que están loitando por copar a cabeza da táboa.

Así, o indiscutíbel líder, o Deportivo da Coruña, tratará de aumentar a súa vantaxe de seis puntos sobre o segundo clasificado a costa dun Dux Internacional de Madrid (mañá, 12 horas) que conta coa vantaxe de recibir os futbolistas herculinos nun terreo de xogo de céspede artificial, superficie coa que non están demasiado familiarizados os visitantes. De todos modos, e tal e como salientou o capitán, Álex Bergantiños, o que importa é "adaptarse e plasmar a idea de xogo propia, independentemente dos condicionantes do bote ou a distancia do balón".

Con respecto ao cuarto clasificado, o Rácing de Ferrol, os Diaños Verdes reciben na Malata (mañá, 17 horas) un rival directo na loita por facerse cun posto na promoción, unha Unión Deportiva Logroñés que axexa a tan só un punto de distancia dos ferroláns. A intención dos departamentais é aproveitarse dun conxunto ferido que vén de sumar unicamente un punto nos seus últimos catro encontros.

Un equipo que terá posto un ollo neste encontro será o Celta B, que chega á xornada empatado co Logroñés (hoxe, 17 horas) e coa firme intención de asaltar os postos de play-off á custa dunha UD San Sebastián que -sinal da igualdade que impera na categoría- tamén suma 28 puntos logo de 18 partidos disputados. 

Comentarios