Os equipos da Primeira RFEF quecen motores

Este sábado comeza a liga na categoría de bronce.
Un intre do Dépor-Bergantiños. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Un intre do Dépor-Bergantiños. (Foto: RC Deportivo)

Ano novo, vida nova. Os catro representantes galegos na Primeira RFEF —Deportivo, Celta B, Rácing e Pontevedra— inician esta fin de semana a súa andaina na categoría de bronce.

O Dépor, que na segunda feira gozou dunha xornada de descanso, retoma nesta terza os adestramentos coa vista posta na estrea en Riazor (sábado, 19.30 horas) fronte ao DUX Internacional —un encontro que fica no ar debido á posíbel expulsión da competición da escuadra madrileña—, após fechar o período de preparación derrotando pola mínima o Bergantiños (2-1), con goles de Quiles e Santamaría, que se presentan como os principais activos de Borja Jiménez.

O Rácing de Ferrol, pola súa parte, visita un dos pesos pesados da categoría, o Raio Majadahonda (sábado 21.30 horas), logo de presentarse ante o seu público na pasada fin de semana cunha folgada vitoria sobre o Compostela (4-1).

En Vigo agardan pola estrea do filial celeste, que recibe o Sanse (domingo, 12 horas) co obxectivo de volver pelexar máis un ano polos postos altos da clasificación. Os de Claudio Giráldez veñen de apuntalar a portería con Christian Joel, cedido polo Spórting de Xixón para competir con Coke e Ruly, chamados tamén a alternar primeiro e segundo equipo.

Finalmente, o Pontevedra debutará na Primeira RFEF recibindo un vello coñecido da afección granate, o Alcorcón (domingo, 19.30 horas), que en 2010 frustrou o ansiado retorno a Segunda do equipo do Lérez. Luis Martínez, formado na canteira do Betis, incorporouse nesta segunda feira ao clube.

Comentarios