Épica contra tedio no fútbol galego

Deportivo e Rácing de Ferrol empatan nun derbi marcado pola arbitraxe; o filial celeste suma sen baixar do autobús ante o Estremadura; o Lugo avanza cara á salvación á custa do fechancelas Alcorcón e o Celta protagoniza un partido non apto para cardíacos contra o Mallorca (4-3), gañando grazas ao espectacular papel de Iago Aspas.
O dianteiro de Moaña sumou dous novos tantos (13 en total) e figura como sétimo goleador da Liga. (Foto: La Liga).
photo_camera O dianteiro de Moaña sumou dous novos tantos (13 en total) e figura como sétimo goleador da Liga. (Foto: La Liga).

Nunca chove a gusto de todos, e no fútbol moito menos. Que lle pregunten á parroquia celeste cantos dos seus membros preferirían gañar cun cómodo, tranquilo e mesmo insulso 1-0 e non do modo en que conseguiron a vitoria ante o Real Club Deportivo Mallorca, nun auténtico espectáculo non apto para cardíacos que rematou 4-3 a prol dos celestes grazas a un penalti no último minuto do tempo de desconto materializado polo de sempre, o que nunca falla, o de Moaña, don Iago Aspas Juncal.

E iso que o choque apuntaba a paseo militar da escuadra galega logo de que Thiago Galhardo anotase apenas un cuarto de hora despois do comezo do encontro o seu primeiro tanto ligueiro, pero case inmediatamente despois Giovani González empataba no 17. A partir de aí o partido foi un constante carrusel de emocións no que o Celta conseguiu adiantarse por dúas veces, pero primeiro por un gol en propia meta e logo por un penalti que implicou a expulsión de Hugo Mallo os baleares conseguiron restabelecer as táboas no marcador dun Balaídos no que, tras un mal comezo de tempada, o Celta volve dominar con 15 puntos dos últimos 18 posíbeis.

CD Lugo: a salvación, máis perto

Mesmo resultado final de triunfo (1-0), pero dun modo ben diferente, decorreu o Club Deportivo Lugo-Alcorcón. Nun partido máis gris que un día de inverno -"feo", en palabras do técnico albivermello, Rubén Albés-, o conxunto da Cidade da Muralla tivo máis problemas dos agardados para conseguir superar no Ángel Carro un Alcorcón que só baixou a cabeza despois de que Carrillo perforarse a rede nunha pena máxima no minuto 87.

Empate que non satisfai a ninguén na Primeira RFEF

Na terceira categoría do fútbol estatal o Celta B obtivo os puntos máis cómodos do campionato, pois nin sequera tivo que vestir de curto logo da expulsión da competición do Estremadura, mentres que Deportivo e Rácing de Ferrol protagonizaron un duelo de necesidades que finalizou cun empate a cero goles e que non satisfixo a ninguén, especialmente na Coruña, onde se están cuestionando as arbitraxes padecidas polos branquiazuis. Os Diaños Verdes, pola súa banda, teñen hoxe ás 20.30 na Malata outra oportunidade de gañar nun partido adiado no seu momento ante o Raio Maxadahonda.

Comentarios