MANIFESTO DE CLAQUES DE TODO O ESTADO

“Entendemos o ocorrido como un asasinato. Condenámolo e repudiámolo”, din blues e celtarras

Tino Fernández afonda no cisma no deportivismo ao secundar a destitución de Lendoiro como embaixador da Liga de Fútbol Profesional.

Batalla campal
photo_camera Imaxe dos incidentes de Madrid tirada de Youtube

Un total de 21 agrupacións de hinchas de todo o Estado asinan conxuntamente un comunicado de condena do “asasinato” de Jimmy. Afirman que “non somos delincuentes”, senón “seareiros apaixonados”. Mentres, 

“Non somos delincuentes. Somos seareiros apaixonados que, embora as nosas rivalidades, partillamos e mostramos unha mesma mentalidade, dentro da cal non caben feitos como este [en alusión ao crime de Madrid]”, lese nun comunicado que leva a asinatura dos riazor blues e dos celtarras, dúas agrupacións historicamente enfrentadas. Asínano tamén claques de equipas de Primeira División como Biris Norte (Sevilla), Herri Norte Taldea (Athletic Club) ou Bukaneros (Rayo Vallecano), ben como agrupacións de clubes de Segunda División. O comunicado está pendurado no blogue dos blues, curiosamente na versión catalá.

“Ningunha rivalidade pode xustificar un asasinato”, din estas claques, quen declaran o seu “menosprezo máis absoluto polos asasinos de Jimmy”. “Entendemos o ocorrido como un asasinato e é por iso que o condenamos e repudiamos”.

Os hinchas exixen aos meios de comunicación que “respeiten a dor da familia e amigos de Jimmy nestes duros momentos”.

Fractura no deportivismo

O comunicado chega nun momento en que a fractura no seo do deportivismo faise cada vez máis evidente. Xa non é só que a directiva da federación de peñas demita por discrepancias cos rectores do clube, senón que o presidente do Deportivo, segundo avanza La Voz de Galicia, torna público o seu apoio á Liga de Fútbol Profesional por ter destituído a Lendoiro após o ex presidente branco-azul ter asistido ao sepelio de Jimmy.

"Comparto plenamente a decisión da LFP", di Tino Fernández sobre a destitución de Lendoiro

“Comparto plenamente a decisión de Tebas [presidente da LFP, de coñecidas filias ultradereitistas]. Paréceme un acerto porque estamos nun momento delicadísimo”, dixo o presidente do Deportivo nunha entrevista en Vtelevisión cuxos titulares La Voz de Galicia adianta esta sexta feira.

Tino Fernández concede que os sepelios son “algo privado”, mais alega que “Lendoiro foi fotografado con persoas de grupos ultras” e que “non mediu que ten un cargo co que está representando o fútbol español e que o fútbol español lle está dicendo non á violencia”.

Medidas contra a violencia

Por súa parte, a comisión mixta formada polo Consello Superior de Deportes, a Liga de Fútbol Profesional e a Federación España de Fútbol reuníronse esta quinta feira para analisar a situación criada após os confrontos de Madrid que resultaron na morte do blues Jimmy a mans de elementos neonazis do Frente Atlético.

Entre outros acordos, resolveron que aqueles clubes que teñan “infraccións relevantes” poderían mesmo perder a categoría. Condutas menos graves resultarían na perda de pontos ou no encerramento dos estadios.

Asemade, acordaron instalar tornos de leitura datilar e facial na entrada dos estadios e impulsar un manual do seareiro e un código ético para os meios.

Comentarios