O Ensino de Lugo certifica a permanencia na Liga Endesa

O Baxi, pola súa parte, ten pé e medio en Segunda
O derbi galego rematou 72-63 a prol do Durán Maquinaria Ensino. (Foto: Ensino).
photo_camera O derbi galego rematou 72-63 a prol do Durán Maquinaria Ensino. (Foto: Ensino).

Un derbi galego absolutamente fratricida certificou a permanencia do Ensino de Lugo un ano máis na máxima categoría do baloncesto estatal a costa dun Baxi Ferrol que ten pé e medio na Segunda.

O encontro, que rematou cun 72-63 a prol das lucenses, supuxo a primeira vitoria do Ensino nun derbi no que vai de tempada, pois anteriormente caera tanto na primeira volta como na final da Copa Galiza.

Lamentabelmente para os intereses da escuadra da cidade departamental, foron fallar cando máis precisaban do triunfo, e iso que no terceiro cuarto chegaron a enxugar case totalmente unha desvantaxe que chegou a ser de 14 puntos e que reduciron a tan só tres, máis as locais acabaron por imporse.

Logo deste resultado, o Durán Maquinaria Ensino pasa de mirar cara á permanencia a soñar cuns play-off polo título aos que aínda pode aspirar matematicamente, pois está empatado a 11 vitorias con Spar Gran Canaria -oitavo clasificado- e só conta cunha menos que Movistar Estudantes de Madrid (12).

No caso do Baxi Ferrol, os seus seis triunfos en 27 partidos -que os sitúan de fechacancelas cando só quedan tres xogos por disputar- obrigan a pensar que a permanencia pode ser aínda matematicamente posíbel, mais sería unha desas grandes sorpresas que o deporte depara moi de cando en cando.

Xornada redonda no baloncesto masculino

Redonda como unha pelota. Así foi a xornada para o baloncesto galego na Liga ACB logo de que Monbus Obradoiro gañase Bitci Baskonia (98-91) e Leite Río Breogán fixese o propio con Hereda San Pablo Burgos (105-96).

Ambas as escuadras axudáronse mutuamente, pois a formación burgalesa pelexa coa da capital da Galiza pola salvación e a vasca coa da cidade da Muralla por un posto no play-off ligueiro. Con todo, o que destacou o técnico celeste, Veljko Mršić, foi que con este "espectacular" resultado -que ten un sabor especial por conseguilo ante Paco Olmos, quen abandonou a entidade galega por un contrato máis suculento en Castela- o Breogán "está salvado".

A esa meta tamén aspira o Obradoiro, e, como manifestou o seu adestrador, Moncho Fernández, "de seguir co mesmo carácter e compromiso" parece factíbel alcanzala.

Comentarios