sábado 31/10/20

O Ensino Lugo e o BAXI Ferrol, na final da Copa Galiza o 16 de febreiro

Impúxose na seminifinal, disputada en Marín a porta fechada, a un Celta que aguantou con vida até os derradeiros dez minutos do encontro.
baxi-celta_copagaliza
Un momento do partido que disputaron o BAXI Ferrol e o Celta (BAXI Ferrol)

O BAXI Ferrol xogará a final da Copa Galiza fronte ao Durán Maquinaria Ensino de Lugo, despois de se impor na semifinal ao Celta Zorka Recalvi por un marcador de 79-61. O partido disputouse na segunda feira pola noite no pavillón da Raña da localidade de Marín.

Foi un encontro algo accidentado. Cando só se disputaran 12 segundos, a estadounidense Jenna Allen tívose que retirar por unha pequena escordadura de nocello. E no último cuarto do encontro, Irene Garí tamén tivo que abandonar a cancha por un corte na zona do ollo, que a obrigou a desprazarse a un centro hospitalario para recibir uns puntos de sutura.

No estritamente deportivo, o choque foi dominado polo cadro ferrolán, que foi por diante no electrónico en todo momento, fóra dun puntual 10-11. Isto a pesar de que a baixa de Suné e a inesperada de Allen obrigaron a algunhas xogadoras a realizaren funcións diferentes ás habituais. O primeiro cuarto terminou cun marcador de 19-16.

No segundo parcial, o BAXI Ferrol incrementou a súa renda até os 14 puntos. Porén, antes do descanso o Celta reaccionou e mostrou os seus mellores minutos no encontro, reducindo a distancia no electrónico antes do tempo de descanso até soamente seis puntos (41-35).

Despois da reanudación, o equipo ferrolán continuou controlando a situación, con vantaxes que roldaban os dez puntos, cun maior acerto en ataque e sen que o conxunto vigués fose quen de superar esa barreira psicolóxica. Non obstante, tampouco o BAXI foi capaz de rachar definitivamente o partido e o Celta mantívose con vida até os derradeiros dez minutos.

O cuarto decisivo comezou co electrónico marcando 59-50 para o equipo ferrolán. O BAXI castigou o Celta con excelentes porcentaxes de lanzamento. Especialmente estivo inspirada Andrea Boquete, que finalizou o partido con 21 puntos (T2 3/6; T3 3/5; TL 6/6), ademais de capturar tres rebotes e dar outras tres asistencias.

Foi a actuación dela na recta final do encontro que acabou por dobregar o equipo vigués. A renda foi aumentando e o marcador final parou en 79-61.

Vixente campión

Na final da Copa Galiza, que nesta edición está marcada como o resto de disciplinas deportivas pola situación sanitaria, agarda xa o Ensino de Lugo, vixente campión do torneo tras derrotar o ano pasado ao Celta.

O conxunto lucense está clasificado directamente para esa final, que se disputará o vindeiro 16 de febreiro, pola súa condición de equipo da Liga Endesa.

comentarios