mércores 20/10/21

Ensino de Lugo e Baxí Ferrol debutan na Liga Endesa de Básquet

Na ACB, o líder Breogán afronta o desafío do Barça, mentres que o Obradoiro choca co Real Madrid.
O Baxi Ferrol debuta contra Campus Promete de Logroño (Foto: Baxi).
O Baxi Ferrol debuta contra Campus Promete de Logroño (Foto: Baxi).

A Liga Endesa de Baloncesto, análoga á ACB na categoría feminina, abre a tempada 2021/22 coa gran novidade do regreso do Baxi Ferrol, que acompañará Durán Maquinaria Ensino de Lugo para aumentar así a presenza da Galiza entre a elite do básquet.

A escuadra departamental vén de completar unha pretempada na que se fixo coa Copa Galiza e, o que ten aínda máis relevancia para o devir da campaña, tivo moi boas sensacións sobre a pista, en especial no referente ao xogo exterior, brillando especialmente Patri Cabrera e a serbia Milica Ivanovic.

O seu rival na primeira xornada será un Campus Promete de Logroño que visita A Malata ás 19 horas de mañá e que conta coa importante baixa da pivote Maimouna Diarra, que se atopa representando ao seu combinado nacional, o Senegal, no Afrobasket.

Pola súa banda, o Durán Maquinaria Ensino visita a casa do Embutidos Pajariel Bembibre este domingo ás 18.30 horas, apenas tres días despois de disputar o intensísimo partido de ida da fase previa da EuroCup Woman, no que perdeu por un só punto (65-64) fronte o Magnolia italiano.

A sorpresa da tempada 

E se as xogadoras do Ensino poderían acusar o cansazo na competición ligueira, o mesmo podería acontecer tanto con Breogán como con Obradoiro na Liga ACB, pois as xornadas intersemanais comezan a pór a proba as súas forzas xa neste estadio tan inicial da competición.

O recentemente ascendido Breogán recibe este sábado (18 horas) no Pazo ao Barcelona como sorprendente líder, logo de esmagar Hereda SPB por 62-87 na segunda xornada. Darán os lucenses un golpe enriba da mesa?

 Con respecto ao Obradoiro, visita o domingo (20 horas) a pista do eterno rival blaugrana, o Real Madrid, coa mesma intención que o Breo: revolución. 

comentarios