O Ensino de Lugo abre a Copa da Raíña de Baloncesto ante o Perfumerías Avenida

As galegas queren dar a sorpresa ante as grandes favoritas
A ala Natalie Van Den Adel. (Foto: Ensino).
photo_camera A ala Natalie Van Den Adel. (Foto: Ensino).

Gañar ao equipo imbatíbel. Ese é o reto que afrontan as galegas do Durán Maquinaria Ensino ante o Perfumerías Avenida de Salamanca hoxe ás 17.30 horas no choque que abre a edición de 2021 da Copa da Raíña de baloncesto.

A cidade de Valencia, e en concreto a pista central de  L'Alquería do Basket, será o escenario dun encontro que os seareiros e seareiras do conxunto lucense poderán seguir a través da canle Teledeporte e no que, para que o equipo dos seus amores alcance as semifinais, terá que -literalmente- facer historia.

Porque o seu rival leva desde o 15 de febreiro de 2020, é dicir, máis dun ano, sen coñecer a derrota, sumando até o día de hoxe 40 vitorias consecutivas repartidas en cinco competicións diferentes, incluídas as continentais Euro Cup Women e Euro League Women.

Nin sequera a obrigada parada a causa da pandemia puido frear a inercia gañadora dun conxunto salmantino que é o único que permanece invicto na Liga Endesa.

Ademais, as charras contan co aval de ser as campioas das últimas catro edicións da Copa da Raíña e de presentar os mellores números en ataque, asistencias e porcentaxes de triplo e tiros de dous, mais o Ensino presentará batalla á estatística e á historia con base nos seus bos datos en ataque -é o quinto mellor equipo en anotación, o segundo en porcentaxe de triplos e o primeiro en tiros libres- e no potencial ofensivo e a calidade de xogadoras como Vega Gimeno, Aleksandra Stanacev ou Bea Sánchez. 

De conseguir dar a que sería a maior sorpresa no baloncesto feminino estatal nos últimos anos, a escuadra galega disputaría as semifinais copeiras o sábado -día 6 de marzo- ás 13 horas ante o gañador da eliminatoria entre Spar Girona e Movistar Estudiantes.

Comentarios