Ensino e Baxi asinan dous contundentes triunfos

A derrota do Celta, única mácula do básket galego
O Bembibre non puido frear o conxunto lucense. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Bembibre non puido frear o conxunto lucense. (Foto: Nós Diario).

Xornada atípica para os equipos de baloncesto galego da Primeira e a Segunda División femininas. Co Arxil, o Cortegada e o Ulla Oil Rosalía fóra do calendario a causa da Covid-19, os únicos conxuntos galegos da Liga Feminina 2 que puideron competir foron Baxi Ferrol e Celta Zorka Recalvi, que ocupan o primeiro e o segundo posto na clasificación.

A escuadra da cidade departamental asinou unha sólida vitoria, a quinta en cinco partidos, ante un Azkoitia Azpeitia que non tivo nin unha soa opción desde o mesmo inicio do encontro, cun parcial de 0-8 favorábel ás galegas.

Facendo constante alarde dunha solidez defensiva sen comparación na categoría, así como dunha presión na saída de balón sen competencia, o Baxi Ferrol non tivo maior dificultade para chegar ao descanso cun contundente 28-59.

Logo da reanudación o guión foi moi similar, co Baxi presionando a toda a pista e impedindo que o seu rival anotase con facilidade, o que levou a que a diferenza se incrementase sen que o conxunto vasco fose capaz de seguir o ritmo que impoñían as pupilas de Lino López.

A intensidade, outra das principais sinais de identidade deste equipo, levou a que as xogadoras non se relaxasen nin coa cómoda vantaxe da que gozaban no marcador, provocando que o resultado ao final do partido fose un case escandaloso 52-99.

Pola súa banda, o Celta Zorka Recalvi fallou en Plasencia, caendo por 65-57 na que foi a súa primeira derrota da tempada, e totalmente merecida, pois o equipo dirixido por Cristina Cantero non atopou o ritmo do partido en ningunha fase do mesmo, estando sempre en mans dun conxunto que acaba de ascender a categoría nacional e que xogou excelentemente as súas bazas.

O Ensino gaña un partido que tiña perdido

70-65 foi o resultado co que o Durán Maquinaria Ensino conseguiu ante Embutidos Pajariel Bembibre a cuarta vitoria da tempada, logrando rachar cunha xeira de dúas derrotas consecutivas.

Non obstante, o conxunto lucense deberá facer unha lectura crítica desta vitoria, pois a escuadra leonesa, por xogo, fixo méritos para facerse cun triunfo que se lle escapou nos últimos intres do encontro.

Comentarios