TABOLEIRO DEPORTIVO

Un ensaio histórico: o CRAT logra o primeiro título estatal para o rugby galego

O conxunto coruñés quedara a un paso do campionato feminino nas pasadas temporadas. Unha vitoria contundente na final da División de Honra contra o Getxo (39-5) coroa ás xogadoras do CRAT.

CRAT, campión estatal de rugby (Foto: Rugby Asturias)

Á quinta foi a definitiva. As xogadoras do CRAT Universidade da Coruña afrontaban a final da División de Honra feminina como favoritas, após unha temporada perfecta. E non deixaron escapar o título, que en pasados anos estivera moi preto, cunha vitoria contundente contra o Getxo, por 39 a 5. Un ensaio histórico que converte ao conxunto coruñés no primeiro equipo galego en alzarse co campionato estatal de rugby.

O CRAT non deixou marxe á sorpresa. O seu rival chegaba á final en Xixón coa bitola de equipo revelación, mais xa avisara da súa capacidade cunha vitoria na primeira xornada do campionato en terras coruñesas. No esquecemento quedan xa as tres finais perdidas e un terceiro posto, durante as últimas catro temporadas.

Un club pioneiro, que conseguiu asentarse na elite do rugby feminino e que agora entra nas páxinas da historia do deporte galego cun trunfo para o recordo. “Tiñamos que gañar e saíu todo de cara. Xa non somos un equipo de rugby moi bo, senón o mellor equipo de España, e galego. É a mellor promoción para a canteira, chave para o futuro deste deporte que non para de crecer», aseguraba o seu presidente, Alfredo López, en declaracións recollidas pola La Voz de Galicia.

O Teucro volve á Liga Asobal

O Teucro xa é equipo da Liga Asobal. O conxunto pontevedrés acada o ascenso dúas xornadas antes do remate da temporada regular e malia perder o último encontro, este sábado, contra o Barcelona B. Botoulle unha man o veciño vigués, o Academia Octavio, que venceu este domingo ao segundo clasificado, o Adelma, concedéndolle ao Teucro o pase matemático.

O equipo de Pontevedra volve seis anos despois á Asobal. Galiza contará de novo con dous representantes na máxima categoría do balonmán, xunto ao Frigoríficos do Morrazo, que ten asegurada a continuidade na liga estatal. 

O Dépor mereceu a vitoria

Riazor despediu ao seu equipo con aplausos. O Deportivo tentouno durante todo o encontro, foi mellor e tivo as ocasións para levarse un importante trunfo. Malia merecer a vitoria, non conseguiu pasar do empate ante o Vilareal (1-1) e suma xa 13 xornadas sen vencer. A ameaza do descenso segue moi viva.

A intensidade dos coruñeses quedou clara tras encaixar o gol de Jaume Costas. Un minuto despois, Borges igualaba o marcador que, pese aos intentos do Deportivo, quedou en táboas. Un punto que sabe a pouco para os xogadores de Víctor Sánchez del Amo, que teñen tres finais por diante para asegurarse a permanencia na máxima categoría do fútbol estatal.

Breogán e Ourense, camiño á ACB

Os dous equipos galegos de Adecco Oro estarán presentes nas semifinais polo ascenso á ACB. O Ourense certificara o seu pase esta semana, mentres que o Breogán sufriu no partido de desempate. O conxunto lucense gañou con épica, sobre a bucina na prórroga, e fixo tremer un abarrotado Pazo dos Deportes.

Breogán e Ourense poderían encontrarse na final pola única praza de ascenso, para sumarse ao Obradoiro na elite do baloncesto español. Os lucenses xogarán contra o Valladolid, mentres que os ourensáns terán que facelo contra o Lleida, a súa besta negra durante a temporada regular.

O Ferrol en fase de ascenso a costa do Celta B

Xornada desigual para os equipos galegos de Segunda División B. Dous encontros enfrontaban a conxuntos nacionais. O Racing de Ferrol visitou Barreiro para medirse o Celta B (2-3) e afian. O filial vigués conseguiu remontar por dúas veces, pero un soberbio Joselu sentenciou o partido cun triplete e o pase do equipo ferrolán á fase de ascenso. 

Aspiracións de ascenso que viu escapar o Compostela, que vencía pola mínima ao Oviedo, líder destacado, que conseguiu empatar a falta de dez minutos. O equipo da capital terá que vencer os dous encontros e esperar que o Logroñés, na cuarta praza, os perda.

O Celta B precisa un punto para asegurar a permanencia matemática nas dúas xornadas que restan. Coruxo e Somozas, na zona tranquila e sen opcións, disputaron o outro partido entre galegos. O equipo de Vigo gañou por un gol a cero.

O Obra aguanta, pero cae ante o Madrid (76-85) 

O Obradoiro conseguiu plantarlle cara ao líder da ACB até o terceiro cuarto. Á volta do descanso, o Real Madrid conseguiu romper o encontro. O equipo compostelán non deu o partido por perdido e loitou para reverter a vantaxe sen éxito. 

Adam Waczynski e Trigueros foron os mellores do Obradoiro, mentres que Gustavo Ayón foi con diferencia o máis notable dos brancos e o MVP do partido.

Comentarios